POLÍTICAS SOCIAIS

O SEMUS xa conta con vehículo propio para a prestación do servizo de urxencias sociais

12/05/2021 O Servizo Municipal de Urxencias Sociais, o SEMUS, conta xa con vehículo propio para a atención de quen o requira. Foi presentado esta mañá na praza do Obradoiro polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; e o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago, José Luis Barreiro, as tres administracións implicadas na posta en marcha do servizo. Tamén asistiron a concelleira de Políticas Sociais e deputada provincial, Mila Castro; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; e a coordinadora de Cruz Vermella en Santiago, Rocío Ovalle.

Os obxectivos deste novo servizo posto en funcionamiento coa colaboración das tres entidades son claros: por unha banda, complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais e doutros dispositivos públicos ou privados nos horarios nos que estes non están operativos. Por outra, apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, cando no desenvolvemento das súas funcións se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta, como é o caso dos equipos de inclusión social de Cruz Vermella. O servizo está integrado por tres profesionais de Cruz Vermella e dez voluntarias e voluntarios. O Concello destina para o seu financiamento 100.000 euros dos 320.521 que recibe do Fondo Social Único da Deputación.

Funcionamento do SEMUS Compostela
Trátase dun servizo que cubrirá as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non estean operativos, realizando as súas intervencións no lugar onde se xera a urxencia social, cun tempo de resposta moi breve e ofrecendo solucións acordes ao contexto no que se producen. Neste sentido, o SEMUS estará dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00:00 a 8h e de 15h a 24h, e sábados, domingos e festivos 24h.

Para activar o servizo, a Policía Local e as institucións e organismos que interveñen en emerxencias deberán chamar ao Centro de Coordinación de Galicia de Cruz Vermella. A cidadanía que presencie algunha situación de urxencia ou precise asistencia, deberá chamar ao 112, o número único de emerxencias, ou á Policía Local, e serán estes quenes activen os recursos necesarios en cada caso.

Tres tipos de intervención
Entre as actividades que está previsto que realice o Servizo Municipal de Urxencias Sociais cómpre destacar a activación en urxenciais sociais, nas que é necesaria unha intervención rápida como pode ser o caso de caídas de persoas maiores, menores en situación de risco, mulleres vítimas de violencia, persoas sen fogar, damnificados por incendios ou derrubas, situacións de rúa sobrevindas, violencia familiar, entre outros.

En segundo lugar, o equipo do SEMUS Compostela realizará semanalmente saídas coa unidade móbil para dar apoio ás persoas sen fogar que pernoctan nas rúas da cidade. Estas realizaránse de maneira coordinada co equipo de Atención a Persoas sen Fogar de Cruz Vermella Santiago e os Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela que solicita confirmación de localizacións, busca de usuarios aos que non ten localizados, ou entrega de recados a usuarios concretos, ademais de informar das demandas que realizan e enviar informes da situación na que se atopan.

En terceiro lugar, realizaranse dispositivos especiais de climatoloxía adversa, é dicir, saídas para a realización de rutas nos días en que hai alertas por variacións bruscas nas condicións climáticas que poden supor un risco ou perigo para as persoas que pernoitan na rúa.

Compartir: