POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago celebra o día da enfermaría

12/05/2021 A praza do Obradoiro acolleu a lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Enfermaría, acto ao que acudiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e os concelleiros José Antonio Constenla, Goretti Sanmartín e Navia Rivas.

O manifesto indica o seguinte: cada ano o 12 de maio con motivo do aniversario do nacemento de Florence Nightingale, considerada a fundadora da enfermaría moderna, celebramos o Día Internacional da Enfermaría, co obxectivo de render unha merecida homenaxe a todos os enfermeiros e enfermeiras que a nivel mundial realizan este loable labor para toda a humanidade.

A celebración deste día ten nestes momentos unha maior relevancia ante a crise mundial que atravesamos debido á pandemia que coñecemos como coronavirus. A Organización Mundial da Saúde declarou o 2020 como o Ano Internacional de Enfermeira e Matrona e este 2021 declarábase Ano Internacional dos Profesionais Sanitarios, é evidente que como sanitarios temos un gran protagonismo na sociedade, o que fai máis especial esta celebración.

As enfermeiras/os estamos en primeira liña de batalla loitando contra un virus incontrolable e do que non hai trato específico. A Enfermaría está a demostrar a eficacia dos seus coidados, a dedicación aos pacientes, os seus familiares e a forza do seu liderado asistencial.
Esta pandemia púxonos en valor e deunos visibilidade, como elemento principal e eixo vertebral nos sistemas sanitarios, desgraciadamente tivo que ser unha pandemia dunha magnitude sen precedente a que mais protagonismo tivese que dar ao labor da Enfermaría.

Durante meses saímos ás xanelas cada tarde a aplaudir a médicos e enfermeiras, considerados heroes, pero tan só son persoas dedicadas e formadas para atender profesionalmente aos que sofren, aos vulnerables e aos necesitados, estando presentes nos momentos máis duros como vén demostrando.

Moitos delas/es manifestaron o desgarrador que foi non poder estar coas súas familias no momento de dor e a morte incuso dos seus familiares. Esta maneira de actuar ensínase nas Facultades e Escolas de Enfermaría, que forman aos profesionais comprometidos e responsables, mesmo a risco de contaxio.

Todo este tempo as enfermeiras/os demostraron que son incansables e grandes profesionais coa capacidade de traballo e entrega ante esta situación. Os valores de Florence Nightingale, loitadora e pioneira, están presentes encada un de nós.

Non quixeramos deixar pasar a oportunidade para destacar o labor dos estudantes de enfermaría ante esta crise sanitaria. Ante o decreto de estado de alarma en España que regulaba a contratación destes para "auxilio sanitario" que afectaba os alumnos de 4º. A súa resposta foi inmediata e ao redor de 4000 estudantes de enfermaría se incorporaron ao sistema sanitario para a atención ao paciente de Covid-19.

No entanto, e a pesar da relevancia deste momento, os Colexios Profesionais de Enfermaría de Galicia queren reivindicar os principais problemas polos que pasa a nosa profesión: a necesidade de máis contratacións, un emprego digno, as medidas de protección que sexan necesarias para garantir a seguridade dos nosos profesionais e a reclamación da consideración como grupo A1 do mesmo xeito que outras profesións que a día de hoxe teñen a mesma duración dos seus estudos (grao 4 anos) e se teña en conta o alto grao de responsabilidade que as enfermeiras/os temos derivada dos coidados e a atención sanitaria que prestamos.

Oxalá que este 2021 sexa o catalizador para pór en marcha unha nova forma de ver a profesión enfermeira no mundo. Grazas a toda a enfermaría polo labor que estades a realizar. Hoxe como onte tedes o aplauso máis que merecido da sociedade.

Compartir: