ACCIÓN CULTURAL

Os premios Follas Novas recuperan o formato presencial sen público e serán transmitidos pola rede

12/05/2021 Os premios do libro galego, que este ano pasaron a denominarse Follas Novas, recuperarán nesta edición a gala de entrega, mentres reclaman atención para o sector do libro en Galicia, un sector que, a pesar da pandemia, resiste e busca a visibilidade dos públicos. En rolda de prensa, a que asisitiu a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, foi presentada esta edición dos premios que estrea denominación e que recupera o formato presencial de entrega. A cerimonia será celebrada en directo no Teatro Principal, sen público, e transmitida a través de You Tube.

Desde as tres asociacións que representan ao sector do libro galego, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Federación Galega de Librarías consideran que a recuperación da cerimonia de entrega dos premios Follas Novas significa que se está avanzando no camiño da recuperación da normalidade.

O recén elixido presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, sinalou nunha das súas primeiras intervencións como presidente que o sector do libro suma actividades moi diferentes pero que "todas elas queren incrementar a visibilidade do libro como método para saír dunha situación de dificultades para todas as empresas e persoas relacionadas coa cultura". Domínguez explicou os pormenores da entrega de premios do vindeiro sábado sinalando que se recuperaba a "presencialidade dos finalistas, agardando que para a próxima edición poidamos recuperar tamén o público".

Domínguez estivo acompañando polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos. Os tres coincidiron en sinalar que o libro leva demostrado desde o inicio da pandemia "a súa utilidade para a sociedade". Engadiron que a xente segue precisando do libro como vehículo cultural e que o mundo do libro necesita de apoio, como outros sectores, para superar a situación de crise xerada pola pandemia.

A cerimonia de entrega dos premios Follas Novas do Libro Galego celebrarase o vindeiro sábado, 15 de maio, a partir das 19:00. Será presencia pero non terá público debido as restriccións de aforo. Os premios serán emitidos desde a canle de You Tube dos premios Follas Novas e terá como presentador a Quico Cadaval. Tamén participarán na cerimonia o Cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.

Premios de honra
Ademais das categorías 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autores da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadores. A Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas; a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira e a Asociación de Editoras de Galicia rendirá tributo ao desparecido editor Xulio Amigo.

Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, sinalou na súa intervención a mellora da situación xeral e como se reflicte nos premios, "estamos contentas desde o Concello de Santiago de ir recuperando as actividades que supoñen volver á normalidade cultural". Rosón apuntou tamén na rolda de prensa que o libro galego "é un sector con gran excelencia e a gala dos premios Follas Novas vai ser especial e importante porque nos vai devolvendo a situación que todos desexamos".

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, considerou estas actividades como un síntoma de mellora, "os premios son imprescindibles para a visualización dos libros e aínda que o ano foi malo para a cultura, o libro demostrou que estivo presente no acompañamento da xente e por iso é necesario que saia con forza da situación actual".

Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña, reparou nos tempos recentes do mundo cultural: "están sendo anos duros para a cultura e por iso son necesarias todas as actividades que como estes premios melloren a presenza da cultura na sociedade".

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELGA, sinalou que a a cultura "é sanadora e os libros son sanadores e por iso mesmo en situación tan límite os escritores e escritoras queremos crer que estivemos a altura do que a sociedade precisa".

Henrique Alvarellos, o libro foi a "vacina antes da vacina", "o libro é o que nos move a todos os que estamos aquí". "Esta gala vai premiar a excelencia dos libros e sabemos que quedan sempre libros fóra e estamos traballando para conseguir que a vindeira edición poidamos recuperar toda a presencialidade". O presidente da Asociación de Editoras Galegas, avanzou que de cara a futuras edicións dos Follas Novas "estamos preparando un novo sistema de selección, somos conscientes de que publicando 1.200 títulos por ano, chegar a sinalar 15 gañadores é un traballo difícil e buscamos o xeito de melloralo".

Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundo dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.

Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.

A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a lista definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son os gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

Compartir: