ALCALDÍA

Visita institucional do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones

12/05/2021 O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Santiago, onde asinou no libro de Honra e mantivo un encontro co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cos voceiros dos grupos municipais socialista, Sindo Guinarte; de CA, Marta Lois; e do BNG, Goretti Sanmartín; e co concelleiro do PP Ramón Quiroga. Tralo encontro, o delegado e o alcalde anunciaron a remodelación do cuartel da Garda Civil de Santiago, que estará en obras a principios de 2022.

Xosé Sánchez Bugallo e José Miñones anunciaron trala xuntanza que o goberno central levará a cabo a remodelación do cuartel da Garda Civil en Santiago. Avanzou o delegado do Goberno que se está "a realizar o proxecto de rehabilitación cun orzamento de 9,5 millóns de euros" e que espera que "cara finais de ano ou principios de 2022 se poida iniciar a obra", que se realizará en dúas fases. Foi unha das demandas que o alcalde lle trasladou ao secretario de Estado de Seguridade na súa visita a Santiago.

Tamén aproveitaron ambos mandatarios para facer un repaso das actuacións en trámite ou en marcha na cidade, como a EDAR, a estación intermodal ou o orbital. A respecto do orbitaliño, tamén sobre a mesa, indicou Miñones que se celebrará unha reunión de traballo con demarcación de estradas e o Concello para para definir o proxecto da obra, que conta cun orzamento de 24 millóns de euros. Sobre a intermodal e a EDAR, sinalou Sánchez Bugallo que se está pendente da liberación dos fondos europeos. Miñones resaltou tamén o investimento nas obras de restauración da escalinata e a cripta da catedral, así como o "esforzo orzamentario" en asuntos sociais. "En Santiago 18.000 empresas se acolleron a través das liñas ICO a estas axudas" e "12.000 persoas percibiron o Ingreso Mínimo Vital".

Ano Santo
O Ano Santo e as perspectivas de recuperación foi outro dos asuntos abordados na xuntanza. Miñones salientou que o plan de seguridade xa está en marcha e que en xuño haberá unha nova xuntanza. Pola súa banda, o alcalde amosouse confiado na paulatina volta á normalidade a partir do segundo semestre deste ano e, con iso, a volta do turismo e dos peregrinos. " A cidade está en boas condicións para recibir visitantes", engadiu.

Compartir: