EDUCACIÓN

O concelleiro de Educación inaugura o Certame de Teatro Intercentros

11/05/2021 O concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, inaugurou hoxe o Certame de Teatro Intercentros, destinado a alumando de secundaria, e que se celebra ata mañá no Teatro Principal. Prol puxo en valor o teatro como "recurso educativo", e agradeceu o labor alumnado participante e do profesorado para "crear interese polo teatro na mocidade, e incindir na súa formación artística, lingüística, social, de autonomia e iniciativa persoal e dixital", plasmada no que cualificou como unha "magnífica proposta didáctica".

O concelleiro recordou que xa son 25 anos de traxectoria, desta "celebración da festa do teatro", na que colabora o departamento de Educación pondo a disposición do certame medios humanos, recursos técnicos e económicos que, subliñou Rubén Prol, "sirvan de apoio e impulso a esta ferramenta educativa tan fundamental e completa".

O XXV Certame de Teatro Intercentros inaugurouse cun espectáculo de danza, "Elas", interpretado polo "Grupo de danza de secundaria". Esta tarde, ás seis, o grupo de teatro do IES de Brión interpretará, tamén no palco do Teatro Principal, "As do peixe", unha peza na que sete mulleres dunha fábrica de conservas reconstrúen parte da súa experinecia laboral e rememoran momentos da súa vida persoal, nunha peculiar reunión.

Mañá, 12 de maio, ás catro e media da tarde proxectarase a curtametraxe "Sen conciencia", do grupo de teatro "Tantometén" do IES Antón Fraguas. Despois dos 20 minutos de proxección, están previsto un coloquio de media hora. A programación do Certame de Teatro Intercentros rematará coa representación, ás seis e meda da tarde, de "Criaturas" , protagonizada polo grupo "Vai no dentista", integrado por alumnado do IES Xelmirez I. "Criaturas" é a representación, en clave de humor, da profunda metamorfose que supón para as parellas a chegada dos fillos e o difícil que resulta ás veces a compatibilidade da súa crianza coa vida que levan.

O concelleiro rematou a súa intervencion agradecendo a implicacion das direccións dos centros escolares, dos equipos docentes, dos grupos de teatro, dos técnicos do Teatro Principal e do persoal de atención ao público, así como do persoal da concellaría de Eduación que, finalizou, " de xeito entusiasta apoiades este certame en cada edición".

Compartir: