MOBILIDADE

Aprobado o encargo a TUSSA da xestión e explotación da nova estación de autobuses de Santiago

11/05/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, acordou encagar á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago SA (TUSSA), a xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela integrada na estación intermodal, situada na rúa Clara Campoamor, así como das superficies e instalacións comprendidas dentro do recinto, incluída a pasarela peonil.

En concreto, as prestacións obxecto deste encargo son a xestión do servizo correspondente á estación; a xestión e explotación dos locais e garaxes existentes, así como das zonas comúns; e a explotación publicitaria da estación.

Para elo, TUSSA encargarase da dotación ou renovación do equipamento da estación que sexa necesario, e no seu caso, das obras complementarias ou de mellora que sexan precisas para efectuar as prestacións obxecto do contrato; así como da conservación e mantemento das instalacións.

Desígnase como responsable municipal do encargo, que se outorga por un prazo de 25 anos, ao servizo de mobilidade e seguridade Unha vez finalizado este prazo, TUSSA cesará no aproveitamento dos bens de dominio público que viñese utilizando ao amparo do encargo, pondo todos eles a disposición do Concello de Santiago de Compostela, en perfecto estado de conservación e funcionamento.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a disposicion do gasto necesario para a financiación do encargo que ascende ao máximo de 76.407,30 euros para a anualidade 2021. Para as anualidades sucesivas estímase un importe de 101.876,41 euros, cuxa financiación supedítase á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Documentos relacionados



Compartir: