MEDIO AMBIENTE

O programa Tropaverde chega á súa fin tras acadar máis de 4000 socios e 15.000 accións de reciclaxe

11/05/2021 TROPAVERDE é unha iniciativa ambiental que naceu no ano 2015 impulsada polo Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de premiar as boas accións ambientais e concienciar a cidadanía da importacia de reciclar os residuos dun xeito correcto. Hoxe celebrouse a conferencia que pon o punto e final a este programa europeo presidida pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.

A iniciativa TROPAVERDE baséase nunha plataforma de gamificación en liña que conecta a cidadanía, os lugares onde se poden depositar os residuos e os comercios e establecementos de hostalería da cidade que colaboran ofrecendo descontos ou agasallos directos.

"Nestes 7 anos de funcionamento da iniciativa, desenvolvida polo Concello de Santiago, as empresas Urbaser e Teimas Desenvolvemento, acadouse a adhesión de 4.065 socios, a participación de 150 patrocinadores locais, entregáronse 2.302 recompensas e realizáronse 15.168 accións de reciclaxe", indicou a concelleira Mila Castro. No marco deste iniciativa tamén se levaron a cabo obradoiros, campañas de sensibilizacións e accións de sensibilización en colexios e na rúa.

A edila de Medio Ambiente sinalou durante a apertura da xornada que "o reto ao que se enfronta a Unión Europea nos vindeiros anos é de grande envergadura dado que o novo marco normativo europeo previsto a través dun paquete de Directivas europeas do ano 2018 establece ambiciosos obxectivos de reciclaxe de residuos municipais para os anos 2025, 2030 e 2035".

A Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, que entrou en vigor o pasado 17 de marzo, xa ten en conta estes novos requirimentos e establece que os concellos de Galicia deberán instaurar a recollida diferenciada dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023.

Nesto sentido, abundou a concelleira, "o Concello de Santiago de Compostela vén de publicar recentemente a licitación do novo contrato de recollida de residuos domésticos e limpeza viaria onde xa se prevé a recollida diferenciada do lixo a través da segregación en 5 fraccións, isto é a fracción orgánica, os envases lixeiros, o papel e cartón, os envases de vidro e a fracción resto ou indiferenciada".

Moi vencellado á xestión dos residuos está tamén o novo modelo de produción e consumo que está a impulsar a Unión Europea denominado Economía Circular. En contraposición ao modelo económico lineal tradicional, baseado na extracción de materias primas, producción, consumo e eliminación, ou tamén chamado modelo de "usar e tirar", a economía circular defínese como un novo sistema económico e social que busca o aproveitamento dos recursos e a redución do uso das materias primas.

Sinalou Castro a este respecto que "avanzar cara a unha economía circular traerá importantes beneficios como a redución dos residuos e gases de efecto invernadoiro, a seguridade na subministración de materias primas e o crecemento económico e do emprego. Estímase a creación duns 700.000 postos de traballo na UE de cara ao 2030 vencellados á economía circular".

Tropaverde
No ano 2017 a iniciativa TROPA VERDE foi recoñecida como unha Boa Práctica polo Secretariado do programa europeo URBACT III e Santiago pasou a liderar unha rede de transferencia formada por cinco entidades locais doutros cinco países europeos: Grecia, Francia, Hungría, Portugal e Polonia.

No conxunto do Estado foron 17 as cidades recoñecidas por URBACT polas súas boas prácticas, pero só a TROPA VERDE aborda temática ambiental.

Conferencia final
Na conferencia de clausura interviron ponentes de varias entidades e institucións: por parte da Xunta de Galicia, acudiu Xesús Castro López, xefe do Servizo de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para falar sobre estratexia de Economía Circular de Galicia; por parte de Sogama, interviu o seu presidente, Javier Dominguez Lino, para presentar a empresa e a estratexia de tratamento da fracción orgánica. Programa de compostaxe doméstica e urbana; polo concello de Carballo acudiu Luís Lamas Álvarez, concelleiro delegado de Obras e Servizos, que se centrou nas "experiencias municipais pioneiras en Galicia na implantación do colector marrón. Programa Ti tés a chave".

Por parte do Concello de Santiago, a técnica de Medio Ambiente Berta Guldrís falou sobre a implantación en Compostela do quinto colector marrón para a fracción orgánica; achegou a experiencia de Ecoembres sobre a recollida selectiva en Galicia Bruno de Llano Gómez-Ulla, especialista na xestión Local e autonómica. As empresas Teimas Desenvolvemento, Cholita e a USC tamén participaron coa seguintes intervencións:

· USC. GRUPO ICEDE DE ECONOMÍA APLICADA. FACULTADE DE CC. ECONÓMICAS E EMPRESARIAIS. - Da economía da reciclaxe á economía circular: prolongación da vida dos produtos e redución do consumo - Intervén Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC. Coordinador do ICEDE e coordinador máster DEIN.

· CHOLITA. O NOVO MUNDO DS REDES DE PESCA. ECONOMÍA CIRCULAR E DESEÑO - Intervén Gema Neira Surribas, xerente da empresa de economía circular Cholita.

· TEIMAS DESENVOLVEMENTO - Presentación da iniciativa Tropa Verde e das novas ferramentas tecnolóxicas no eido da xestión dos residuos. - Intervén Juan Daniel Cid Fernández, representante da empresa tecnolóxica TEIMAS Desenvolvemento SL.

Compartir: