EDUCACIÓN

Continúa o Programa de concertos didácticos de música tradicional

21/03/2007 Un grupo de alumnos do CEIP Apóstolo Santiago e do IES Arcebispo Xelmírez II participaron en dúas novas sesións do Programa de concertos didácticos de música tradicional. Esta iniciativa da Concellaría de Educación e Mocidade segue a levar a tradición musical galega aos centros de ensino da cidade.

Este programa converte a música nun mecanismo de desenvolvemento sociocultural, político e económico. O grupo Caldaloba e Felisa Segade, do grupo Leilía, encárganse da actividade. Nos mesmos colexios, os músicos falan sobre a morfoloxía e a sonoridade dos instrumentos, a súa utilización, a súa evolución histórica, a figura do gaiteiro, a figura da pandeireteira, os romances de cego, as cantareiras, o canto coral con gaita ou a construción dos instrumentos de música tradicional.

Ademais interpretan diferentes pezas musicais exemplificadoras dos contidos a tratar. En concreto, o repertorio estará formado por: "Alalá de Carballo", "Jota de Consagrada", "Romance de Don Gaiteros", "Vals de Sarandón", "Muiñeira de Calvos de Randín", "Maneo de Erbecedo", "Farruquiña chama á porta", "Muiñeira de Villoria", "Mallou" e "O verde Gaio". Este curso inclúense as novas tecnoloxías na presentación do concerto, cunha proxección dixital de imaxes durante o mesmo. Nelas aparecen imaxes de lugares de Galicia e de homes e mulleres do pobo.

Compartir: