POLITICAS SOCIAIS

AGADEA agasalla ao concello de Santiago cunha reprodución de tres cabezudos

10/05/2021 A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) fixo entrega esta tarde ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dunha reprodución de tres cabezudos de Santiago realizados por usuarios e usuarias do taller de laborterapia. O rexedor agradeceulle persoalmente o agasallo, mostrouse interesado tanto polo labor que realiza a entidade, e destacou o detella que a entidade ten coa cidade de Compostela e coa súa cidadanía.

No acto, que comezou ás cinco da tarde, tamén estaban presentes os concelleiros de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; e de Seguridade Cidadá, Mobilidade e Festas, Gonzalo Muíños. Representando a AGADEA estaba a súa presidenta, Isabel Gey, así como traballadoras dos centros de Santiago: o Centro de día de Salgueiriños, o Servizo de Estimulación do Ensanche, e o Servizo de Estimulación de Salgueriños. Tamén estaban presentes Mercedes, Manuel e María Concepción, usuarios do obradoiro de laborterapia, que participaron na modelaxe dos tres cabezudos.

Estas tres pezas están realizadas con papel de periódico, cartón e tea usando a técnica do papel maché. Esta actividade ademais de potenciar a motricidade e a atención, resultou moi emotiva para as persoas maiores, xa que os cabezudos forman parte das súas lembranzas nas festas da Ascensión do Apóstolo. Segundo explicou Isabel Gey, a súa entrega ao alcalde de Santiago tamén reforza a autoestima dos seus creadores, despois dun ano difícil, por mor da pandemia.

AGADEA é unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas usuarias, familiares, profesionais e voluntarios que traballan por mellorar a calidade de vida dos afectados (enfermos e coidadores) pola enfermidade de Alzheimer e doutras demencias. Para iso, ofrece recursos, servizos e actividades que cubren as necesidades que van xurdindo nas diferentes etapas. AGADEA está presente nos concellos de Santiago, Ribeira, Vedra, Teo e A Estrada. Nestes momentos ofrece servizo directo a preto de 500 persoas.

Compartir: