ALCALDÍA

A Deputación da Coruña estende as axudas do REACTIVA 2 á hostalaría das cidades de Santiago, Coruña e Ferrol

10/05/2021 Valentín González Formoso anunciou esta mañá que o 24 de maio se abrirá o prazo de solicitude das axudas para a hostalaría de Santiago, Coruña, e Ferrol tras reunirse con Xosé Sánchez Bugallo, Inés Rey e Ángel Mato, que demandaron que o plan provincial beneficiase tamén ás cidades onde se ubican a maior parte dos negocios do sector. Estas axudas serán tramitadas directamente desde a Deputación e son compatibles coas de outras administracións.

Os pequenos negocios de hostalaría e axencias de viaxe das cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol poderán solicitar, a partir do 24 de maio, as axudas do programa PEL-REACTIVA 2, un plan específico impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar á hostalería e axencias de viaxes, que están entre os sectores máis afectados pola pandemia.

Así o anunciou hoxe o presidente Valentín González Formoso, tras reunirse na sede da institución provincial coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Tanto os alcaldes coma as asociacións de hostalaría viñan demandando que o plan provincial incorporara tamén aos autónomos e microempresas do sector que teñen o seu domicilio fiscal nas tres grandes cidades, xa que alí se concentran a maior parte dos negocios.

Valentín González Formoso explicou que a Deputación abrirá o 24 de maio o prazo de solicitudes do plan Plan Reactiva 2 á hostalaría da Coruña, Santiago e Ferrol co obxectivo de que "os 9 millóns de euros en axudas directas que poñemos agora ao dispor da hostalaría e as axencias de viaxe da provincia podan chegar ao maior número de beneficiarios e coa maior axilidade posible" para axudar a reactivar un sector especialmente danado pola crise da Covid-19 e composto, en máis dun 90%, por pequenos autónomos e microempresas.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que o Concello compostelán vén de activar as súas axudas para o comercio e hostalaría, que contan coa colaboración da Deputación, e ao mesmo tempo abrirase esta nova convocatoria provincial específica para hostalaría e axencias de viaxes. "Estamos esforzándonos para dar unha resposta en tempo real ás demandas da socidade e tanto a Deputación coma os concellos estamos á altura das circunstancias", apuntou o rexedor compostelán.

Indicou o presidente da Deputación que a axilidade coa que se están a tramitar as axudas supón "un punto de inflexión para adapatarnos ás demandas dun sector que precisa liquidez inmediata". González Formoso lembrou que todas as axudas do REACTIVA, incluidas as das grandes cidades, serán tramitadas directamente desde a Deputación e son compatibles coas axudas de outras administracións.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu ao presidente da Deputación "que teña escoitado aos alcaldes das cidades e as súas necesidades e que dea unha resposta áxil ás necesidades da cidadanía".

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, agredeceu tamén a apertura do plan ás cidades. "Por segunda vez, a Deputación vai poñer sobre a mesa unha importante axuda para os sectores máis afectados pola crise, da que quero salientar a axilidade na tramitación. Sabemos que este sector paosuno moi mal e agora empeza a remontar. Estas axudas poden supor un respaldo definitivo para moitos negocios por parte dunha adminsitración que sempre está no momento en que se necesita", afirmou.

Os rexedores da Coruña, Santiago e Ferrol ofreceron tamén a colaboración dos distintos departamentos municipais para dar a coñecer as axudas e facilitar a súa tramitación.

Subvencións
As subvencións do PEL-REACTIVA 2, consistentes en axudas directas por importe de 1.500 euros por negocio, están dirixidas ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera dos epígrafes relativos a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1).
A presentación de solicitudes para concellos de menos de 50.000 habitantes permanece aberta e realizase de xeito integramente telemático a través da plataforma SUBTeL (enlace ao final da noticia).

Está previsto que a apertura do prazo de solicitudes para os negocios con domicilio fiscal nos municipios da Coruña, Santiago e Ferrol comece o vindeiro 24 de maio.

Direcciones relacionadas



Compartir: