PROMOCIÓN ECONÓMICA

As solicitudes das axudas ao sector da hostelería, restauración e turismo poden solicitarse dende mañá martes 11 de maio

10/05/2021 As axudas aos sectores da hospedaxe, restauración e turismo, incluídas no PRESS (Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago), poden solicitarse dende as 9.00 h de mañá, martes 11 de maio, e ata o vindeiro 25 de maio, logo da publicación das bases no BOP de hoxe.

As "bases da convocatoria de axudas para o rescate da restauración, hospedaxe e turismo do concello de Santiago de Compostela afectado pola crise da covid-19. Anualidade 2021" contan cun orzamento de 1.747.105 euros.

Poderán resultar beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís ou comunidades de bens, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos, no momento da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia: que entre as súas actividades estea incluída algunha das agrupacións ou epígrafes que figuran no anexo II da convocatoria; que teñan a súa sede de actividade no Concello de Santiago de Compostela; que no primeiro trimestre do ano 2021 sufriran unha baixada na facturación igual ou superior ao 20% respecto ao primeiro trimestre do ano 2020; e que non se atopasen en crise a data 31 de decembro de 2019.

O importe da axuda será de 2.500 euros para unha baixada da facturacion de entre o 20% e o 30%; de 3.000 euros para unha baixada da facturación superior ao 30% e ata o 60%; e de 4.000 euros para unha baixada superior ao 60%. Para o caso concreto das persoas solicitantes das axudas pola actividade do epígrafe 969.1 (salas de baile, discotecas e similares) o importe da contía por persoa beneficiaria será de 5.000 euros, independentemente da súa facturación. Estas contías incrementaranse con 1.000 euros adicionais por cada centro de actividade adicional ao principal que teña a empresa no Concello de Santiago adicado a actividades económicas correspondentes a epígrafes relacionados cos citados sectores de actividadade e que figuran no anexo II, cun límite de 2.000 euros por este concepto, que correspondería a persoas con tres ou máis centros de actividade.

Unha vez asignada a axuda entre as persoas beneficiarias, en caso de haber remanente na partida orzamentaria, esta repartirase proporcionalmente entre as persoas beneficiarias da axuda.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a contar desde as nove da mañá do día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Ooficial da Provincia da Coruña, neste caso, dende o martes 11 e ata o martes 25 de maio.

As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente por medios electrónicos. Se a presentación se realiza a través da sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) deberá escoller o trámite "Solicitude de subvención" do catálogo de trámites dispoñible.

Compartir: