EDUCACIÓN

O Teatro Principal acolle o 11 e 12 de maio a representación de catro obras enmarcadas no Certame de Teatro Intercentros, dirixido a alumando de secundaria

10/05/2021 O Departamento municipal de Educación e as Equipas de Normalización Lingüística dos centros escolares de Santiago e comarca presentan un ano máis o Certame de Teatro Intercentros, destinado a alumando de ESO e Bacharelato de Santiago de Compostela e comarca, que este ano acada a súa edición número 25. Celebrarase mañá, 11 de maio, e o mércores día 12. Nas representacións, no Teatro Principal, participarán tres grupos de teatro de tres centros de secundaria e un grupo de danza.

Hoxe mesmo aprobouse en Xunta de Goberno a memoria programática deste XXV Certame de Teatro Intercentros, interrompido o ano pasado pola situación sanitaria provocada pola pandemia. Unha iniciativa que promove o traballo das artes escénicas na escola, a normalización lingúística pero tamén as habilidades persoais, de memoria, expresividade e creatividade do alumnado. Ademais do desenvolvemento das capacidades individuais, refórzase o traballo en grupo, un traballo cooperativo que depende do esforzo e involucración de todo o alumando integrante.

A partir de outubro, e ata abril, constitúense os grupos, decídense as obras a interpretar, os vestiarios, o decorado e o alumnado ensaia as técnicas básicas da interpretación teatral. Finalmente no mes de maio interprétanse todas as obras no Teatro Principal, nunhas funcións abertas ao público. Este curso, o certame non se pode desenvolver en toda a súa extensión, porque non todos os grupos de teatro se puideron constituír, debido á COVID-19. Aínda así, cálculase un número estimado de participantes de 360 persoas.

A programación do XXV Certame de Teatro Intercentros 2021, que conta cun orzamento estimado de 4.300 euros, comeza mañá, ás 12:00 h. coa representación de "Elas, por parte do "Grupo de danza de secundaria", unha represenación danzada da vida e obra de seis mulleres destacadas da nosa historia. Pola tarde, ás 18:00 h. grupo de teatro do IES de Brión interpretará, tamén no palco do Teatro Principal, "As do peixe", unha peza na que sete mulleres dunha fábrica de conservas reconstrúen parte da súa experinecia laboral e rememoran momentos da súa vida persoal, nunha peculiar reunión.

O 12 de maio, ás 16:30 h. proxectarase a curtametraxe "Sen conciencia", do grupo de teatro "Tantometén" do IES Antón Fraguas. Despois dos 20 minutos de proxección, están previsto un coloquio de media hora. A programación do Certame de Teatro Intercentros rematará coa representación, ás 18:30 h. de "Criaturas" , protagonizada polo grupo "Vai no dentista", integrado por alumnado do IES Xelmirez I. "Criaturas" é a representación, en clave de humor, da profunda metamorfose que supón para as parellas a chegada dos fillos e o difícil que resulta ás veces a compatibilidade da súa crianza coa vida que levan.

Compartir: