XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a mellora do vial da rúa do Bidueiro, en Vidán, e a apertura do procedemento de adxudicacion do servizo de mantemento do Parque de Brandía

10/05/2021 A Xunta de Goberno Local reunida hoxe, aprobou, entre outros asuntos, o proxecto de estabilización de noiro e acondicionamento e mellora do vial na rúa do Bidueiro, en Vidán; e a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e de arboredo do Parque de Brandía, reservado a centros especiais de emprego. Dos asuntos tratados, deu conta o alcalde de Santiago. Xosé Sánchez Bugallo aproveitou a comparecencia para agradecer á cidadanía de Compostela, o comportamento esta fin de semana, unha vez rematado o estado de alarma. Explicou que se despregrou un dispositivo especial da Policía Local, que "tivo bastante menos traballo do que nos temiamos", o que valorou como unha boa noticia.

Na reunión, o executivo local deu luz verde ao expediente denominado "Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Parque de Brandía do Concello de Santiago de Compostela", reservado a centros especiais de emprego. Tamén se aprobou o gasto correspondente e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 274.612 euros para tres anos. O alcalde lembrou que hai tres parques que non están incluídos no concurso de parques: os de Brandía, Salgueiriños e Monte de Viso, que se reservan, recordou, para centros especiais de emprego.

Tamén se aprobou o "Proxecto de estabilizacion de noiro e acondicionamento e mellora do vial na rúa do Bidueiro, en Vidán, cun orzamento máximo de 190.470,31 euros, IVE incluído. O prazo de execución é de 4 meses. A obra ten por obxecto acondicionar o vial, mediante a aplicación de una capa de 5 cm de mezcla bituminosa en quente sobre una base de 25 cm de zahorra co fin de mellorar a capa de rodadura existente, así como a estabilización do noiro da marxe éste do mesmo, coa construción de un muro de contención pola marxe do río Sarela.

Segundo explicou o alcalde, é "unha zona onde hai un deslizamento á beira do río, cun certo risco de que nun momento determinado se poida vir abaixo. Polo tanto vaise estabiliza, co fin de garantir a seguridade dos usuarios dese vial que une Sarela de Abaixo con Vidán.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou pór a disposición da Axencia de Turismo de Galicia a parcela 40 DO SUNP-31, situada en San Marcos. Segundo explicou Sánchez Bugallo, está previsto construír unha área de estacionamento de autobuses para dar servizo a aquelas persoas que suban ata o Monte do Gozo. "Habilitarase unha dársena que permitirá a carga e descarga simultánea de sete autobuses", sinalou.

Outros acordos adoptados en Xunta de Goberno foi a aprobación da licenza de construción da pasarela cuberta entre edificios no IES Antón Fraguas, cun orzamento de execución material de 10.900 euros; e a dación de contas da resolución da Comisión de Benestar social e Educación no Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+2021, da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios do exercicio 2021, polo importe de 320.521.02 euros, a favor do concello de Santiago. O prazo de xustificación rematará o día 31 de marzo de 2022.

Por outra banda, aprobouse a memoria programática do XXV Certame de Teatro Intercentros; e deuse conta do procedemento de acceso de público durante as competicións deportivas de carácter autonómico e de base, nas instalacións deportivas municipais adscritas á xestión do Departamento de Deportes.

Documentos relacionados



Compartir: