DEPORTES

O 15 de maio ábrese o acceso de público ás instalacións deportivas municipais

10/05/2021 O acceso de público ás instalación deportivas do Concello permitirase a partir da vindeira fin de semana, 15 e 16 de maio, sempre que as entidades organizadoras o soliciten, así o indicou a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, que tamén fixo un repaso ás últimas actuación de departamento, que supuxeron un investimento de preto de 550.000 euros, e un avance do previsto para o que resta de ano, por un global de 880.000 euros.

A Concellería de Deportes, en atención á situación sanitaria da cidade así como ao feito de que xa se producíu a total incorporación do deporte autonómico de competición ao longo do pasado mes de abril con dinámicas positivas nas instalacións deportivas municipais, considera "que se dan as circunstancias precisas para permitir, con carácter xeral, o acceso de público ás instalacións durante os partidos de competición de nivel autonómico e de base", segundo anunciou hoxe a edila Esther Pedrosa.

Para coordinar correctamente o acceso de público é preciso establecer un procedemento de solicitude a cumprir polas entidades deportivas interesadas e organizadoras dos seus encontros/eventos, que se axustará á normativa vixente así como a cantas modificacións posteriores se poidan producir ao respecto.

O aforo dos recintos está limitado segundo os máximos que se definan en cada momento polo Departamento de Deportes, estando condicionados á porcentaxe permitida, mantemento da distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, características estruturais e particulares de cada recinto, etc. Salientou Pedrosa que "é moi importante ter presente que nestes momentos a cidade de Santiago de Compostela se atopa nun nivel medio-baixo de restrición polo que o aforo das instalacións cubertas é do 50%. De producirse un incremento do nivel de restrición, que conlevará unha diminución dos aforos, algún recinto deportivo, especialmente os de menor tamaño, poderanse ver afectados e provocar a anulación do permiso de acceso de público".

En calquera caso, "o obxectivo básico é o de favorecer que un familiar por deportista poida acceder á instalación, sendo necesario que se rexistre segundo o protocolo particular que elabore a entidade deportiva organizadora".

As entidades e clubs interesados deberán:

- Presentar unha solicitude e declaración responsable para o acceso de público
- Elaborar un rexistro de asistentes para control do aforo determinado para cada recinto, que custodiará ata un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.
- Realizar a función de control de acceso das persoas e asistentes autorizados para o que contará coa colaboración do persoal de conserxería, sempre que sexa posible.

Esther Pedrosa insitiu na importancia que ten que todas as persoas colaboren activamente no acceso e saída da instalación, "para que esta se realice da maneira o máis rápida posible, evitando en todo momento aglomeracións e dinámicas que retrasen o abandono das bancadas. Hai que ter presente que nas instalacións hai rotación case continúa de partidos, polo que todos e todas debemos contribuir a que a actividade se poida desenvolver sen problema".

O acceso de público permitirase a partir da vindeira fin de semana, 15 e 16 de maio, sempre que as entidades organizadoras o soliciten. Non se permitirá o acceso de persoas que non estean autorizadas previamente polos clubs.

INVESTIMENTOS EN MATERIA DEPORTIVA
Durante os últimos meses rematáronse determinados investimentos executados sobre equipamentos deportivos, "que favoreceron unha clara mellora das súas condicións de uso e deportivas". O investimento executado achégase aos 550.000 euros, repartidos como a continuación se detalla:

• Campo municipal das Cancelas: O pasado mes de abril abríuse o recentemente remodelado campo municipal das Cancelas, que supuxo un investimento próximo aos 500.000 euros, converténdose nun espazo deportivo de alto nivel competitivo para o deporte base da cidade.

• Campos municipais de Villestro e Belvís: ambos recintos melloraron claramente as súas prestacións grazas á instalación dun sistema de focos leds, favorecendo a práctica deportiva en horario nocturno. O investimento executado acadou os 35.800 euros.

• Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro: actuouse na mellora da rede de fontanería de auga quente sanitaria de todo o edificio por un importe total de 21.800 euros.

No que resta de ano 2021 son varios os investimentos previstos continuando co programa de mellora da rede de instalacions deportivas. As actuacións poderán acadar inicialmente os 880.000 euros. Entre os máis destacados pola súa contía e necesidade estarían os seguintes:

• Varias instalacións: mellora da situación das cubertas de varios recintos deportivos para o que está previsto destinar un total de 50.000 euros

• Campo municipal de Santa Isabel: acondicionamento da praza de acceso á bancada do edificio, garantindo unha correcta accesibilidade a esta emblemática instalación, a máis importante a nivel de aforo do fútbol base compostelán. O investimento programado é de 80.000 euros.

• Estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro: son varios os investimentos programados para este recinto. De cara ao verán está previsto acometer a obra de saneamento das torres de iluminación do estadio por un valor estimado de 150.000 euros.

En proceso de redacción de proxecto están varias actuacións para definir medidas correctoras sobre espazos e elementos do Estadio, que se financiarán en virtude do convenio asinado no seu momento coa Real Federación Galega de Fútbol.

• Campo municipal de San Lázaro (Sergas): continuando co proceso de mellora dos sintéticos dos campos de fútbol municipais, está previsto acometer unha actuación de renovación e substitución do terreo de xogo, así como a construción dun novo espazo de quecemento, o que converterá este recinto nun campo moderno de altas prestacións deportivas. O investimento programado para esta obra é de 550.000 euros.

• Varias instalacións: subministro de novo mobiliario deportivo que permitirá completar a dotación de determinados recintos, así como a substitución e mellora de equipamentos existentes ata acadar un total de 50.000 euros.

RESUMO DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES/EVENTOS
"A pesar da situación sanitaria, grazas ao traballo e confianza de entidades deportivas locais e das federacións deportivas así como, á colaboración tanto económica como material do Departamento de Deportes, durante as últimas semanas a cidade foi sede de campionatos oficiais moi significativos a nivel autonómico e nacional", lembrou a concelleira, que salientou a celebración da I Copa galicia de Loita Olímpica e Campionato galego de Grapling o 13 de marzo, o Campionato Galego infantil de Kárate e o Duatlón Cidade de Santiago (ambos o 20 de marzo), o Campionato de España de varias categorías de Loita Olímpica (27-28 de marzo), a Mini BTT Cidade de Santiago do 25 de abril e a Copa de España junior de Judo do pasado 9 de maio.

"De cara ao futuro máis próximo seguirase traballando na liña de reforzar a presenza de eventos e competicións oficiais de significativa transcendencia para o deporte base da cidade, que permitirán consolidar a Santiago como destino deportivo a nivel autonómico e nacional", abundou a concelleira.

Nas vindeiras semanas a programación deportiva centrarase nas seguintes actividades das que se dará maior información en datas previas a súa realización:

• 14/15 de maio: dentro do programa das festas da ascención desenvolverase o tradicional campionato da chave que se levará a cabo no parque da Alameda (fronte á gardería de Santa Susana) e que contará coa imprescindible colaboración e organización da Asociación de Xogadores da Chave de Santiago.

• 22 de maio: en virtude ao convenio asinado coa Asociación Special Olympics Galicia, organizado por esta entidade, desenvolverase o Maratón autonómico urbano.

• 23 de maio: continuando coa liña de colaboración entre a Concellería de Deportes e os clubs desta cidade, organizarase a través do Club Ciclista Compostelano a carreira da ascensión na categoría de escolas e cadetes.

• 13 de xuño: data escollida para recuperar a organización en colaboración coa Federación Galega de Atletismo do Campionato de Galicia da Milla en ruta 20/21.

COLABORACIÓN COA USC
Esther Pedrosa salientou tamén o mantemento da liña de colaboración prevista coa USC a través da achega de 150.000 euros para a mellora das pistas de atletismo do Estadio universitario, "o que permitirá, xunto coa colaboración doutras administracións, acometer as reformas necesarias para a súa homologación".

Compartir: