BARRIOS E OBRAS

Rematan as obras de rehabilitación enerxética de varios edificios municipais, que suporán un importante aforro a nivel económico

08/05/2021 O Concello de Santiago acaba de recepcionar as obras de rehabilitación enerxética de varios edificios municipais. Son, concretamente, os Centros Socioculturais de Fontiñas, Vite, Pontepedriña e Santa Marta; a Casa das Asociacións de Cornes e a Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES); os pavillóns deportivos de Santa Isabel e de Roxos; o Centro Ocupacional de Aríns; e o Cersia. Estas actuacións contaron cun investimento de 519.999,44 euros; para un obxectivo de aforro enerxético de 857.733 kwh/ano.

A selección de edificios sobre os que se actuou efectuouse partindo dos criterios de maior eficiencia inversión/aforro e mellora de, aló menos, unha letra na cualifiación enerxética. Isto suporá, segundo destacou o concelleiro de Obras, Javier Fernández, un aforro importante, a nivel económico, no gasto en enerxía electrica". Destaca que nalgúns casos, como acontece no Cersia, "vaille permitir o autoabastecemento de enerxía eléctrica".

As intervencións de rehabilitación enerxética consistiron en pequenas obras de reforma para acadar tres obxectivos específicos: a redución da demanda enerxética, a mellora do rendemento das instalacións, a modificación dos hábitos dos usuarios, e a instalación de enerxías renovables.

Entre as actuacións desenvolvidas figura a substitución das lámpadas existentes por outras de teconoloxía LED; a instalación de sensores de aporte de luz natural; distintas actuacións sobre a envolvente de distintos edificios; e instalación de caldeiras GN e biomasa.

Tamén se traballou na monitorización e xestión do consumo enerxético; e se instlaron paneis solares de produción de ACS para producir enerxías renovables de autoconsumo.

As obras levadas a cabo forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA), cofinanciadas con fondos europeos FEDER. Todas elas encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 10: "Fomento da eficiencia enerxética e aumento das enerxías renovables".

Compartir: