PROMOCIÓN ECONÓMICA

Recoñecemento en Raxoi aos comerciantes composteláns

21/03/2007 O alcalde en funcións, Néstor Rego, e o concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, ofreceron hoxe unha recepción aos representantes dos seis estabelecementos que serán homenaxeados na II Gala do Comercio, "Compostela capital de compras", que se celebrará o 30 de marzo no Auditorio de Galicia. A gala, enmarcada no programa de dinamización comercial "Marzo, mes do comercio" é aberta ao público. Os interesados pódense inscribir na páxina web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org.

Na súa intervención, Xosé Manuel Iglesias destacou o esforzo e traballo dos comerciantes que, segundo asegurou, contribuiu e contribue a escribir páxinas importantes na historia económica e social de Santiago. "Por iso esta homenaxe é de xustiza", indicou. Neste mesmo sentido pronunciouse Néstor Rego, ao recoñecer "o papel do comercio na historia e no presente da cidade.

Os estabelecementos homenaxeados son:

• A Casa dos Queixos, ubicada na rúa Bautizados, 10. Abriuse en 1898, e desde entón, foi explotado por unha mesma familia (neste momento vai pola terceira xeración).
• Calzados Severino: situado na rúa Preguntoiro número 35. Ten 75 anos de historia.
• Confitería Las Colonias: con domicilio social na rúa Orfas, 30. Aberto en 1888, foi traspasado hai 15 anos.
• Xoiería Malde: ubicada na rúa do Vilar, número 21. En funcionamento desde 1933. Desde entón está en mans da mesma familia.
• Farmacia Gómez Ulla: situada en Porta Faxeira, 1: Aberta en 1908 e rexentada dende entón pola mesma familia.
• Quiosco modernista do Toural: ubicado na Rúa Nova. Foi inaugurado en 1910 e explotado desde entón por unha mesma familia (neste momento vai pola terceira xeración).

Estes foron os establecementos seleccionados pola Comisión Avaliadora o 1 de marzo, baseándose nos criterios establecidos nas bases do concurso: antigüidade e explotación familiar. A comisión, acordou de xeito unánime conceder unha mención especial a Ultramarinos Castro.

Todos estes establecementos serán homenaxeados na II Gala do Comercio, "Compostela capital de compras", na que tamén se entregarán os premios do III Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" a Andrógenas, e do Concurso de Imaxinación máis Comercio a Zürich SCQ. A gala ten como obxectivos fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura e premiar a excelencia dos establecementos.

Compartir: