MEDIO RURAL

Arrancan as obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán

08/05/2021 Esta semana comezou a execución das obras para a reparación e consolidación da Ponte de Vidán, promovidas pola Concellería de Medio Rural do Concello de Santiago de Compostela cos traballos preparatorios necesarios. As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concellería en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

O vial sobre o que se atopa a ponte constitúe un importante nodo de conexión da veciñanza da parroquia de Laraño cos viarios de alta capacidade de Santiago de Compostela e soporta un importante tránsito de vehículos así como o paso do transporte urbano e escolar para a zona.

A Ponte Vella de Abaixo, de Vidán ou da Amañecida, como é coñecida no lugar, presenta un estado de conservación deficiente con inestabilidades puntuais na súa fábrica de pedra que, unha vez detectadas, induciron a que se proxecten as obras de reparación que se inclúen na actuación, e que basicamente responden aos seguintes criterios:

• Rehabilitación ou reconstrución das fábricas de pedra danadas que conforman a ponte, conservando as que de carácter histórico.
• Construción de novos muros de cachotaría nos estribos debido á súa mala calidade e inestabilidade.
• No alzado augas arriba reconstruirase o tallamar, cuxas antigas dimensións e forma poderán ser reproducidas grazas aos restos que se conservan. Empregarase na súa execución unha cantaría de pedra granítica que harmonice coa existente e reforzarase o seu interior cunha cachotaría de pedra tomada con cemento branco.
• Construirase un novo taboleiro cunha estrutura mixta de aceiro corten e unha lousa de formigón armado, apoiado sobre a fábrica dos estribos. O novo taboleiro terá una anchura ampliada de 5,60 m e distribuirase nunha calzada de 3,50 m e unha beirarrúa de 1,50 m e estará dotado de varandas.
• As actuais tubaxes de servizos á vista trasladaranse ao interior do novo taboleiro, quedando ocultas.
• Reparación e rehabilitación da fonte e do lavadoiro da Amañecida.

A actuación ten un orzamento de adxudicación de 376.649,68 € e un prazo de execución de cinco meses.

Para o inicio das obras coordinouse coa Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá os necesario desvíos do tráfico debido a que a execución das obras require o corte do viario afectado. Desde o Concello prégase desculpas á veciñanza polas molestias que ocasionará esta circunstancia.

Compartir: