ALCALDÍA

O alcalde chama á responsabilidade da cidadanía ante o remate do estado de alarma

07/05/2021 Aínda que as cifras de Santiago son "francamente boas", o rexedor compostelán chamou de novo á reponsabilidade da cidadanía ante o levantamento das medidas restritivas polo fin do estado de alarma o vindeiro día 8.

"Este domingo acaba o peche perimetral, o estado de alarma e o toque de queda, pero a pandemia continúa", lembrou o rexedor, que incidiu en que "temos que ser conscientes do noso comportamento" e actuar con "máis prudencia". O Concello seguirá mantendo o reforzo extra previsto desde o inicio da pandemia, pero, a medida que se van flexibilizando as limitacións "a responsabilidade recae en maior medida sobre todos nós".

O alcalde fixo fincapé en que, aínda que avanza o ritmo de vacinación, só o 12% da poboación conta coas dúas doses. Preguntado pola sua propia vacinación, Sánchez Bugallo indicou que foi citado polo SERGAS para hoxe e que agarda o momento "con gran alegría".

As cifras de Santiago sitúanse nos 41 casos por 100.000 habitantes, "moi por debaixo das de España e Galicia". Non obstante, "imos ver cal é a evolución a partir de agora".

Outros asuntos
Sánchez Bugallo fixo un repaso dos asuntos máis importantes que tiveron lugar esta semana. Destacou a posta en funcionamento do SEMUS, o Servizo de Emerxencias Municipais que, coa colaboración da Cruz Vermella e da Deputación da Coruña, permite estender o horario de atención dos Servizos Sociais ata completar as 24 horas do día dos 365 días do ano.

Tamén se referiu á aprobación da convocatoria de axudas do Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago (PRESS), por un montante global de 5.200.000 euros. As axudas correspondentes ao comercio xa se poden solicitar desde o sábado 9 de maio. As relativas á hostalería e á cultura publicaranse en breve.

Compartir: