ALCALDÍA

Compostela, Vilagarcía e a Mancomunidade do Salnés promocionarán conxuntamente os Camiños de Santiago

07/05/2021 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sinatura de dous protocolos de colaboración: por un lado, os alcaldes de Santiago e Vilagarcía, Xosé Sánchez Bugallo e Alberto Varela, comprometéronse á promoción turística conxunta; polo outro, Compostela e a Mancomunidade do Salnés acordaron a difusión de dúas iniciativas relacionadas co Camiño de Santiago. Por parte da Mancomunidade asinou a súa presidenta, Marta Giráldez.

Os concellos de Vilagarcía de Arousa e de Santiago de Compostela acordan, en virtude desta sinatura, establecer un protocolo de colaboración para a promoción de experiencias turísticas baseadas na histórica relación de ambas cidades e, especialmente, no que se refire á ruta marítimo-fluvial xacobea, orixe de todos os camiños.

Para acadar eses obxectivos, ambas partes acordaron levar adiante cantas accións se estimen oportunas para ofrecer novas iniciativas e produtos turísticos respectuosos co desenvolvemento económico e medioambiental sostible dos dous concellos. Para a posta en marcha das accións concretras crearase unha comisión de seguimento da que formarán parte dúas persoas de cada entidade: os dous concelleiros de Turismo e os seus respectivos técnicos, ou persoas en quen deleguen.

Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela están unidas por lazos históricos, económicos, relixiosos e sociais dende hai séculos. Son numerosos os documentos que relatan a relación da antiga Arealonga coas Terras de Santiago, dende os primeiros tempos medievais ata a constitución mesma dos concellos.

Froito desa histórica relación, Carril primeiro, Vilagarcía despois, e finalmente Vilagarcía de Arousa (resultado da unión das dúas primeiras con Vilaxoán) foron consideradas sempre como "o porto natural" de Santiago, ata o punto de que sen esta circunstancia sería imposible explicar o seu desenvolvemento urbanístico, económico e social nos dos últimos séculos.

Neste ano 2021 coinciden no tempo o Ano Xacobeo e o 90 aniversario da dedicación a Santiago do parque e praia de Compostela.

Difusión das iniciativas "Orixe de todos os camiños" e "Navega o Camiño"
O Concello de Santiago de Compostela e a Mancomunidade do Salnés promocionarán conxuntamente dous produtos directamente vencellados ao Camiño de Santiago como son a "Orixe de todos os camiños" e "Navega o Camiño", dirixidos a fortalecer o posicionamento no mercado nacional e internacional. Preténdese promover a promoción destes produtos a través de actividades de interese turístico, eventos, actividades culturais, artísticas, deportivas, gastronómicas e de marketing que permitan a súa difusión.

O Camiño de Santiago supón para o turismo de Galicia un recurso fundamental que achega, ano tras ano, centos de miles de visitantes de todas a partes do mundo. Como ruta de peregrinación, configurada na Idade Media, pasou por diferentes etapas ata chegar a posicionarse hoxe en día como o principal escaparate internacional da comunidade autónoma galega.

Ademais, este Ano Xacobeo, dado que fai once anos dende a súa última celebración e tendo en conta a súa estensión á anualidade 2022, suporá unha gran oportunidade para todo o territorio, polo que a colaboración na promoción e difusión de produtos turísticos vencellados ao Camiño de Santiago adquire unha relevancia aínda maior.

Compartir: