MEDIO RURAL

Os Centros Socioculturais do rural incorporarán o proxecto "As aventuras de Luli", deseñado por alumando da USC, á súa programación

06/05/2021 Os Centros Socioculturais do rural van incorporar o proxecto "As aventuras de Luli", a súa programación de actividades destinadas aos máis pequenos. Enmarcado na iniciativa EXCORAS (Expresión Corporal e Aprendizaxe-Servizo), que leva a cabo o alumnado do terceiro curso de grado de Mestre/a en Educación Infantil da USC, foi presentado polo concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e polos alumnos, Pablo Gayo Pérez e Amanda Freire Martín.

"As aventuras de Luli", é un programa dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos, que se difundirá telematicamente, e que ten como obxectivos recuperar a actividade física que se foi perdendo a causa da pandemia, ao tempo que se coñecen espazos da nosa contorna. Segundo explicou José Manuel Pichel, "ademais de seguir a programación, imos colaborar no "feedback" necesario para que o alumnado comprobe a efectividade do seu traballo. Consideramolo un gran programa docente e lúdico, que fomenta a colaboración e o traballo en equipo".

Trátase dun programa que propón 14 retos, a través de 14 vídeos, todos eles con contidos diferentes. A cativada deberá axudar a unha mascota, unha raposa chamada Luli, a superar as probas que se propoñen en cada localización dun mapa máxico. En cada lugar no que superen o reto, obteñen unha insignia. Segundo explicou Pablo Gay, a idea é ir introducindo, cada semana, dúas localizacións. Unha vez se complete o mapa subirase íntegro ás redes sociais. Os vídeos terán unha duración media de entre 3 e 6 minutos e preparar a actividade levará entre 30 e 60 minutos.

As familias poderán interactuar por medio de fotos, bailes,... co hastag #luliaventuras. Tamén estará en Instagram (@luliaventuras) e en Facebook e Youtube (As aventuras de Luli). Contará, ademáis, cun correo electrónico, asaventurasdeluli@gmail.com. para resolver as consultas e dúbidas que poidan xurdir.

O obxectivo é converterse nos mellores ‘scouts’ xunto a Luli. Durante a presentación de "As aventuras de Luli", difundiuse un spot promocional que se poderá ver a partir do vindeiro luns a través das redes sociais, e que serviará para ir familiarizando a Luli cos nenos e nenas. Tanto a raposa Luli como as insignias foron deseñados por outra alumna do grupo, Katia Porto, que previamente estudou Belas Artes en Pontevedra.

EXCORAS
O proxecto EXCORAS enmárcase na metodoloxía educativa ApS (Aprendizaxe-Servizo), que consiste en traballar e aprender os contidos da materia á vez que se presta un servizo á comunidade. Toda a estrutura programática foi elaborada polo alumnado de terceiro curso da USC; e ofrece a profesorado e familias unha forma continuada de desenvolver actividades de forma "telemática" a través de redes sociais nas que irán aparecendo, cada certo tempo, novas probas.

No desenvolvemento do proxecto EXCORAS, realizouse unha enquisa a familiares e docentes de alumnado de Educación Infantil, na que se lles preguntou sobre os efectos que tivo a situación sanitaria actual nos aspectos referidos á comunicación e expresión corporal dos nenos e nenas; e sobre as accións que agardaban ver nas redes sociais para contrarrestar esta situación. Asemade, no caso dos docentes, tamén se lles inquiriu acerca dos materiais que lles resultarían máis útiles.

En base ás 429 respostas obtidas, 350 por parte de familiares e 79 por parte de docentes, concluíse que segundo a maioría das familias, a pandemia afectou de xeito negativo aos seus fillos e fillas na interacción, pero non tivo consecuencia algunha sobre aspectos do seu desenvolvemento. Porén, os docentes consideran que afectou ás relacións sociais, e en especial á habilidade para expresarse con xestos faciais.

A enquisa puxo de manifesto que as actividades que menos realizaron as familias durante o confinamento son principalmente as que implican comunicación e expresión corporal, xogos de dramatización e mímica. As actividades deportivas e os bailes e coreografías practicáronse algo máis, aínda que nunha menor proporción que outras. Dende o comezo da pandemia, as actividades que menos traballaron os docentes foron a expresión corporal e facial e a imitación, é dicir, aspectos claves para a expresión e comunicación corporal. Ademais, recoñecen que o que menos practican no seu día a día son actividades psicomotrices.

Por outra banda, as familias consideran que as actividades que máis chamarían a atención ao seu fillo/a serían os bailes e coreografías (60,7%), seguidos polas actividades deportivas (53,7%), os contos motores (52,8%) e as actividades na contorna (50,7%). Tendo en conta os datos da enquisa, o alumnado que participa neste proxecto concluíu que as novas tecnoloxías están a ter un enorme peso no lecer dos nenos e nenas e que é necesario darlle un xiro ao emprego que se fai das mesmas e sacarlles un bo e san proveito.

O concelleiro de Medio Rural rematou destacando e agradecendo o traballo realizado polo alumnado de terceiro curso da Materia de Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal do Grao de Mestra/e en Educación Infantil da USC; e polo seu titor Javier Rico. José Manuel Pichel tamén agradeceu a colaboración da Rede de Centros Socioculturais e da Asociación Os ARCOS Tilos.

Direcciones relacionadas



Compartir: