XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a adxudicación das obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes

03/05/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe adxudicación das obras incluidas no proxecto "Execución das obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes", a favor da empresa "Balance. Obras y Servicios SL.", por un importe de 335.474,56 euros, IVE engadido. Segundo explico o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, esta actuación está incluída no remanente de 2019. O prazo de execución é de cinco meses.

Os colectivos veciñais viñan demandando o acondicionamento como novo campo da festa de dúas parcelas dotacións, de 1.200 m² e de 3.961 m², xeradas pola urbanización do polígono SUNP 11 do Castiñeiriño; e situadas detrás da Igrexa da Nosa Señora de Fátima e do antigo colexio Ramón Cabanillas.

Atendendo a petición e á vista das novas necesidades do barrio xeradas por o seu crecemento residencial, estableceuse que o novo campo da festa debía ter unha funcionalidade polivalente que puidera albergar distintas actividades. Polo tanto, o proxecto construtivo debía contemplar no seu deseño distintas funcionalidades tanto fixas como temporais: instalación das atraccións feirais durante as festas do barrio, escenarios móbiles para actuacións, pistas deportivas, aparcamento alternativo, gradas, acceso ás antigas instalacións do colexio Ramón Cabanillas para o seu posible aproveitamento, etc.

As obras a realizar consisten fundamentalmente na pavimentación da explanada existente con formigón. Para elo levarase a cabo un movemento de terras que permita dotar á mesma dunha pendente, tanto lonxitudinal como transversal, dun 2%. Así mesmo, realizaranse as correspondentes actuacións que permitan garantir tanto a drenaxe de augas pluviais (execución de pozos de rexistro e tubaxes) como o alumeado (execución das canalizacións de polietileno, arquetas de rexistro, fíos condutores, báculos e luminarias) da superficie de actuación. Tamén se instalarán unha serie de gradas prefabricadas e acondicionaranse zonas axardinadas, así como os distintos accesos á explanada.

No referente ao graderío, realizase con gradas prefabricadas en L colocadas sobre unha serie de vigas zancas de formigón armado. As devanditas zancas apoian á súa vez sobre unhas vigas de cimentación de formigón armado, as cales se atopan apoiadas directamente e na súa totalidade sobre o terreo. Ademais, realízanse unha serie de escaleiras nunha das marxes do graderío.

Tamén está incluído no remanente de 2019, segundo explicou Sánchez Bugallo, a "Urbanización da unidade de actuación nº 11 do PERI Fontiñas-Cotaredo-San Lázaro (Urbanización da ZL-75). A Xunta de Goberno local acaba de aprobar a apertura do procedemento para a súa adxudicación, mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 150.796,6 euros.

O proxecto consiste na creacion dun itinerario accesible, cunha pendente sempre menor do 6%, cosendo as cotas superiores da Rúa do Camiño Francés co patio do quinteiro existente a unha cota intermedia e coa cota inferior da Rúa Valiño, entrada do Camiño a Santiago. Par elo créase un tránsito suave que, axudándose da topografía existente, desce en zig-zag creando un encontró co patio do quinteiro existente.

O itinerario nace na Rúa do Camiño Francés aproveitado a pendente descendente da propia rúa. O primeiro tramo conecta a cota superior coa plataforma intermedia na que se atopa o patio do quinteiro existente, dando continuidade ao mesmo e resolvendo o problema que actualmente xera esta desconexión. Desta plataforma parte o seguinte tramo que conectará coa cota existente ao leste da parcela. A continuación empeza o tramo final, que dará continuidade ao percorrido situándose no nivel de rúa inferior da Rúa Valiño. Préstase especial atención aos encontros entre os itinerarios e os muros que salvan as diferentes cotas, empregándose un tratamento de parterres con zonas verdes de baixo mantemento para suavizar o impacto. O percorrido irá acompañado de vexetación autóctona e dunha iluminación sutil que creará un percorrido agradable e que pretende pór en valor a traseira do edificio, actualmente deteriorada.

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde ao proxecto de rehabilitacion "Aplicación de medidas correctoras para o estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, segundo o estudo integral de patoloxías. Fase III. Separata 1". Servirá, segundo explicou Sánchez Bugallo, para solucionar os problemas de impermeabilización que presenta o recinto. Conta cun orzamento máximo de licitación de 140.323,99 euros, e un prazo de execución de 9 meses. O proxecto contempla a reparación de fachadas, cubertas, soportais e torretas de iluminación.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou a ampliación, por seis meses, do prazo de aceptación, por parte da Comunidade Autónoma de Galicia, da propiedade DOC do SUNP 14 do Plan de sectorización do sector de Solo Urbanizable Non Programado Número 14, SUNP-14 - Tras Paxonal, coa porción oeste resultante da segregación da parcela EQ dese mesmo ámbito (SUNP 14). Neste parcela está previsto que se constrúa o Centro público de Atención Integral a Persoas maiores, que formará parte da rede pública de residencias de marioes, cun mínimo de 120 prazas. A citada parcela pode ter carácter docente, asistencial, sociocultural , institucional administrativo, deportivo, servizo público e dotacional multiuso. Ten forma case rectangular e unha superficie de 5590 metros cadrados.

Noutra orde de cousas, deuse luz verde á contratación da empresa Sala Retiro, S.A. para a realización dunha poxa pública dos obxectos perdidos que foron publicados no BOP do 4 de decembro de 2020 e no taboleiro de anuncios do concello. Por outra banda, o executivo municipal acordou estimar a solicitude COGAMI do pasado 21 de abril, e ampliar en 8 meses o prazo para solicitar a licenza de edificación establecida na concesión demanial outorgada pola Xunta de Goberno Local o 5 de outubro de 2020.

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se aprobou o programa das festas da Ascensión 2021, que será presentado mañá, polo miúdo, polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños.

Documentos relacionados



Compartir: