DEPUTACIÓN

Luz verde da Deputación á construción da senda peonil que conectará Santiago e Figueiras

01/05/2021 O pleno da Deputación do pasado venres aprobou o Plan de Sendas, no que se inclúe o proxecto actualizado da senda peonil na DP7803, que une Santiago con Figueiras, cun orzamento de 754.000 euros.

Segundo indicou a deputada provincial e concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, "damos resposta a unha necesidade e a unha antiga demanda de mellora da seguridade peonil nesta zona de Santiago".

O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, precisou que "as obras consistirán na ampliación e pavimentación da beiravía dereita da estrada DP-7803, que pasará do medio metro actual a 2,80 metros de ancho, o que permitirá contar cunha beiravía dun metro e habilitar unha senda de 1,80 metros para ser utilizada polos veciños e polos peóns que se desprazan pola vía".

A estrada DP-7803 serve de acceso aos núcleos de poboación de Bar de Abaixo, As Moas de Arriba, Marmancou e Figueiras, no termo municipal de Santiago de Compostela. As obras abarcarán desde o inicio do vial ata o punto quilométrico 2+560.

A senda terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e conectará nalgúns tramos con camiños que se dirixen ou proceden do Monte Pedroso, nos que se rexistra un elevado número de camiñantes.

A nova senda executarase en mestura bituminosa en quente, un pavimento similar ao existente na actual calzada, agás en dous tramos puntuais nos que existen núcleos de vivendas (entre os puntos quilométricos 0+00 e 0+220 e 0+570 ao 0+790) nos que se optará por construír beirarrúas de formigón con bordo.

As obras inclúen o retranqueo dos postes que soportan tendidos aéreos de telefonía, electricidade e alumeado público, a reposición de dúas acometidas de gas, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical, entre as que figuran novas marcas viais con resaltos, delimitadores de carril de caucho con elementos reflectantes, captafaros cada 20 metros e barreiras de seguridade nas zonas de curvas; todo isto co obxecto de incrementar, ao máximo, a seguridade do tránsito de peóns. Tamén se prevé a reposición das cunetas e a mellora do sistema de drenaxe, con colectores de formigón, pozos de rexistro e sumidoiros.

Compartir: