TURISMO

Santiago presenta as estratexias para a reactivación do turismo das Cidades Patrimonio da Humanidade

30/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sanchéz Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentaron o documento de "Estratexias para a reactivación do turismo cultural e patrimonial no escenario Post Covid-19", elaborado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que Santiago participa activamente.

Segundo as enquisas feitas, o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade conta cunha marca sólida e de gran reputación, aínda que debe ser capaz de aumentar a súa notoriedade para os viaxeiros en tempos de post pandemia, posicionando as 15 cidades do grupo como destinos idóneos para cuando chegue ao oportunidade de volver a facer turismo.

Neste aspecto, destaca o posicionamento de Santiago de Compostela, que é a cidade do Grupo de Cidades Patrimonio cunha maior notoriedade suxerida, cun 95,4%. É dicir, cando se lle pregunta aos viaxeiros se Santiago pertence ao grupo, a práctica totalidade deles contesta afirmativamente.

O proxecto de reactivación ten como obxectivo que as Cidades Patrimonio da Humanidade de España sexan o grupo coa oferta cultural e experiencial máis ampla do mercado, fomentado a innovación para evolucionar o seu posicionamento cara a sostibilidade.

Para conseguir este obxectivo, defínense catro eixos de actuación: segmentación de viaxeiros en función de características compartidas, ampliación da proposta de valor das cidade facendo fincapé nas experiencias que se poden vivir nas cidade, fomento continuo da innovación e dixitalización, e aproveitamento de sinerxias entre as ciudades.

Respecto da segmentación, defínense cinco grandes grupos de viaxeiros Post Covid-19, que ordeados de maior a menor potencial para o Grupo son: Trendies, que seguen as tendencias e teñen numerosos intereses para viaxar; Segunda Xuventude, que teñen como motivación coñecer lugares novos con intereses baseados en patrimonio, natureza e cultura; Tradicionais, que son os máis veteranos e os que máis gastan nas viaxes; Inquedos, que son o grupo máis mozo e que se move moito pero con pouco gasto; e Maleteros, que acostuman viaxar a casa de amigos e familiares.
Santiago é a cidade que mellor posicionada está no grupo de viaxeiros Tradicionais, que son os que teñen un maior gasto nas viaxes. Os outros dous grupos nos que está posicionada tamén entre as primeiras cidades son os Trendies e a Segunda Xuventude, precisamente os que teñen maior potencial para o Grupo de Cidades Patrimonio.

Ademais, dentro do proxecto márcanse 12 liñas de acción xenéricas, que abren una abano de posibilidades para que cada cidade as aborde de forma persoalizada en función da súa situación. Santiago aproveitará o Plan de Reactivación do Grupo de Cidades Patrimonio como complemento ao Plan de Sostiblidade Turística e as accións previstas por Turismo de Santiago para este ano.

As liñas que se seguirán en Santiago son: aumentar a notoriedade da marca do Grupo e da UNESCO; ampliar, adaptar e personalizar a proposta de valor a través da innovación continua; incrementar a dixitalización do consumo turístico; deseñar novas estratexias e dinámicas de comunicación e promoción; formar a todos os actores da cadea de valor turística; crear un modelo diversificado, aliñado e consensuado, involucrando tanto a institucións públicas como privadas, e tendo en conta ao residente.

Compartir: