CONSORCIO

O Consorcio de Santiago vai substituír as cubertas do Pazo de Raxoi para evitar as filtracións da auga da choiva ao interior do inmoble

28/04/2021 O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar as obras de substitución das cubertas do Pazo de Raxoi por un importe global de 706.701,14 €. A empresa adxudicataria é Obras Gallaecia, S.L. Prevese un período de execución estimado de seis meses.

A arquitecta Lourdes Pérez, directora técnica da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago e responsable deste proxecto, indica que "o proxecto recolle as obras de substitución do material de cubrición de todas as cubertas inclinadas". Sinala que "séguese a manter a solución de tella cerámica curva, baixo a que se deixará unha cámara de aire ventilada e se incorporará illamento térmico en toda a súa superficie, todo iso co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio".

Dende o Consorcio explican que se instalará un novo sistema sifónico de recollida e evacuación das augas de cuberta. "Este sistema serve como alternativa ao tradicional, por gravidade; no edificio hai poucas baixantes de pluviais e este sistema permite reducilas. Presenta ademais outras vantaxes respecto ao convencional: tubaxes horizontais sen necesidade de pendente, menores diámetros de tubaxes e autolimpeza debido á enorme velocidade que leva o fluxo" -manifesta a arquitecta-.

Compartir: