ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reivindica o papel do "grupo dos dezaseis", redactores do texto que serviu de base ao Estatuto de Autonomía

28/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe á inauguración, no Museo do Pobo Galego, da exposición Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía, 1981-2021. Durante a súa intervención, o rexedor amosou o seu desexo de que o documento normativo, "se pode ser ampliado e mellorado", continúe vixente moitos anos "e siga rendendo tan bos froitos para o conxunto de Galicia e o conxunto do Estado".

O alcalde destacou o labor do "grupo dos dezaseis, que redactou o texto que serviu de base para o Estatuo; e "os Pactos do Hostal", co que se presentou "ante o conxunto de España, unha proposta de Estatuto consensuada por todos os galegos", na que se recoñecía a Galicia como unha comunidade histórica. Para o rexedor "e importante reflexionar "sobre onde estabamos" hai catro décadas, e "onde estamos agora". Uns datos "impresionantes", que debuxan "dúas Galicias disintintas que comparten o mesmo nome e a mesma historia".

Sánchez Bugallo agradeceu o labor de "todos aqueles que fixeron posibles aqueles acordos, "persoas que estaban no Partido Comunista, en Alianza Popular, no Partido Socialista, no POG, como Camilo Nogueira, na UCD, en diferentes formacións políticas. Cada un coa súa propia ideoloxía foi capaz de por o interese de Galicia, o interese xeral por enriba por enriba das súas lexítimas aspiracións políticas e personais.

Tamén interviron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; Víctor Vázquez Portomeñe, integrante do grupo de traballo do Estatuto; e Ruben Ventureira Novo, comisario da exposición.

Núñez Feijoo sinalou que o Estatuto serviu para "dotarnos, aos galegos, dunha ferramenta poderosa, pero humana", e engadiu que é "un ariete e un camiño. Un ariete para que Galicia poida derrubar os muros que aínda quedan, e un camiño no que todos os galegos poidan darse a man para sumar forzas".

Miguel Ángel Santalices destacou que dúas iniciativas que premiaron o espíritu estatutario. En 2017, explicou, "por acordo unánime da mesa do Parlamento, acordouse conceder a medalla da cámara á "Comisión dos dezaseis" do que me sentín moi orgulloso". E continuou, "o día que celebramos o Estatuto, tamén por unanimidade, acordouse tamén concederlla á Xeración Nós polo seu impulso, pola súa decidida aposta e universalidade en favor do expíritu democrático e tamén da súa galeguidade".

Pola súa parte, Vázquez Portomeñe sinalou que co Estatuto de 1981 "comezouse a cristalizar outra vez o consenso, o espíritu da transición, da concordia, da convivencia". Unha etapa de construción da autonomía galega. Pediu que "ese espíritu perviva, e se é posible, que perviva eternamente".

Antes das intervencións, nas que estaban presentes varios membros da "Comisión dos dezaseis", as distintas autoridades visitaron a exposición, na que se poden ver documentos, carteis, e paneis explicativos da evolución da nosa comunidade nestes corenta anos de vixencia do Estatuto.

Compartir: