PLENO

Constituída a Comisión especial de memoria histórica do Concello

27/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá a sesión constitutiva da Comisión especial de memoria histórica, da que tamén forman parte o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; o voceiro do grupo municipal popular, Alejandro Sánchez-Brunete; a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; a concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra; e o secretario municipal, José Ramón Alonso.

A Comisión completarase coa participación de representantes das asociacións veciñais e das asociacións de memoria histórica, así como como da Cátedra de Historia da USC.

Segundo indicou o rexedor, "empezamos a abordar a situación daqueles elementos que, dende o punto de vista da Lei de memoria histórica, se debera actuar sobre eles". Como exemplo, Sánchez Bugallo sinalou a inscrición situada na praza da Quintana: "que non é doado porque é una gravación na propia pedra do convento". A comisión asesora de patrimonio histórico e os membros da ponencia técnica "están estudando diferentes alternativas para eliminiar ou reducir o impacto desa imaxe". O alcalde tamén se referiu a outros elementos "nalgunha escola unitaria e nalgún edificio privado da cidade" sobre os que a Comisión deberá valorar as "actuacións a realizar".

Coa constitución desta comisión dáse cumprimento ao acordo plenario adoptado o 26 de setembro de 2019. O funcionamento e creación das comisión está regulado no título VIII do Regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello, que establece no seu artigo 117 que "o Pleno acordará a creación, o número e a denominación das comisións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, en concordancia coas disposicións vixentes de carácter estatal, que estarán formadas polos membros que designen os grupos políticos en función do número de concelleiros e/ou concelleiras que teñan no Pleno e polos concelleiros e concelleiras non adscritos, de acordo co previsto neste regulamento e nos seus acordos de creación". Poden ser permanentes ou especiais.

Compartir: