ALCALDÍA

O alcalde de Santiago participa na Asemblea xeral da Rede de Entidades para o Desenvolvemento local

26/04/2021 Xosé Sánchez Bugallo participou esta mañá, de xeito telemático, na Asemblea Xeral de REDEL (Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local), na que se aprobou a memoria e o peche do exercicio 2020 e se deu luz verde á celebración dun congreso en outono de 2021.

A Asemblea aprobou a memoria de 2021, na que se recollen as accións realizadas para a consecución dos dous obxectivos marcados: ser recoñecidos como o referente no ámbito do desenvolvemento local a nivel estatal, e potenciar a cohesión interna e o crecemento da rede tratando de responder aos retos comúns de todas as entidades asociadas. Así mesmo, ratificouse a incorporación do Concello de Castellón.

Tamén se tomou conta da proposta de realización dun congreso en outubro de 2021 co obxectivo de resituar estratexicamente as axencias de desenvolvemento económioco local no escenario post-pandemia.

REDEL
REDEL, a Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, da que o concello de Santiago de Compostela é socio fundador, xorde como resposta á necesidade que existe de colaborar e traballar entre as axencias locais para ampliar os coñecementos adquiridos pola experiencia de cada socia/o e innovar e desenvolver proxectos conxuntamente, así como exercer un lobby. Naceu no ano 2008 como unha Rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

REDEL, por tanto, está formada por un conxunto de Axencias de Desenvolvemento Económico Local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios españois, e ten a vocación de constituírse nun referente para este tipo de entidades, as instancias políticas que as apoian, os profesionais que forman parte delas e, en xeral, os diversos actores que interveñen no deseño e a xestión das políticas de desenvolvemento económico local.

En REDEL quérese recalcar o importante papel que as políticas de desenvolvemento económico local viñeron desempeñando nas tres últimas décadas en ámbitos como a promoción do espírito emprendedor entre a poboación; a mellora das posibilidades de acceder a un emprego, especialmente para colectivos desfavorecidos; o fortalecemento dos sistemas produtivos locais; a dinamización comercial e turística dos municipios, comarcas e provincias; entre moitos outros.

As 26 entidades de desenvolvemento local asociadas a REDEL ofrecen os seus servizos a un total de 1.458 municipios cuxa poboación ascende a 24.731.312 habitantes. O equipo humano está composto por 1.750 profesionais.

Compartir: