ALCALDÍA

O alcalde agarda que o novo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria poida estar plenamente operativo no primeiro trimestre do ano que vén

23/04/2021 Na comparecencia semanal dos venres ante os medios de comunicación, o rexedor compostelán congratulouse de que o pasado luns a Xunta de Goberno local aprobase o prego e a apertura do procedemento de licitación do contrato do novo servizo de limpeza viaria e recollida de lixo. "Suporá unha mellora enorme do servizo, que xa estaba obsoleto", indicou.

En canto ao escenario temporal, Sánchez Bugallo avanzou que "a hipótese coa que traballamos é que se poida adxudicar en outubro e que poida estar plenamente operativo no primeiro trimestre do ano", aínda que todo dependerá do número de empresas que se presenten e de como transcorra o procedemento de adxudicación. "Non podemos anticipar se haberá ou non recursos", salientou.

O de recollida de lixo e limpeza viaria é un dos cinco grandes contratos pendentes de renovación. Con esta aprobación, "temos dous a piques de adxudicar (os relativos ao Servizo de Axuda no Fogar e de mantemento dos parques e xardíns da cidade), en licitación o terceiro (lixo e limpeza viaria) e os outros dous (transporte e auga e saneamento) queremos sacalos no primeiro semestre do ano". O rexedor agarda que orzamento de 2021 poida quedar aprobado de forma definitiva no pleno ordinario do próximo xoves 29 para poder proceder "con carácter inmediato" á adxudicación do SAF e do contrato de parques e xardíns. Tamén está pendente deste trámite a xestión da Escola Municipal de Música.

Convocatoria de axudas
Ao pleno ordinario de abril irá, así mesmo, a convocatoria de reactivación económica, tras ser aprobada o luns en Xunta de Goberno local e ditaminada pola Comisión de Facenda o xoves 22. "Agardo que o 29 se aprobe", sinalou Sánchez Bugallo, para poder poñer en marcha "a partir da semana seguinte" unha convocatoria de axudas que chega aos 5.207.000 euros, dos cales 1.904.000 se destinarán ao sector comercial; 1.747.105, ao hostaleiro; e 604.992, ao cultural.

Covid
En canto aos datos da covid na cidade, Sánchez Bugallo lembrou que aínda que estamos nunha situación boa, con 47 casos activos e unha incidencia acumulada por 100.000 habitantes de 11 casos a 7 días e de 39 a 14, cómpre non baixar a garda. Os datos de Galicia e de España son "significativamente peores" e "non existen compartimentos pechados", engadiu.

Compartir: