DEPORTES

Recepción ao Club Ximnasia Rítmica Viravolta Santiago

23/04/2021 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a recepción ao Club Ximnasia Rítmica Viravolta Santiago tras conseguir a medalla de ouro na categoría de cadete mixto no Campionato Nacional de conxuntos base.

O Club Viravolta Santiago de ximnasia rítmica conseguiu neste 2021 a segunda medalla a nivel nacional da entidade. En 2019 obtivo un metal de bronce na categoría benxamín no CAMPIONATO NACIONAL DE CONXUNTOS BASE (Pamplona) e este ano o conxunto cadete mixto proclamouse campión nacional no mesmo campionato.

A cita tivo lugar o luns 15 de marzo no Colonial-Sport de Valencia. Os grandes protagonistas son Julia Salvado Diéguez, Xiana Vidal Arias, Alexandre Parajo Viaño, Nuria Martínez García e Lucía Shuanghui Fu. Fóra de Xiana e Nuria todos eles participaban por primeira vez nun campionato nacional, e estreáronse ao grande.

Ademais foi o primeiro conxunto mixto na historia da ximnasia rítmica en pisar un tapiz nun campionato nacional, todo un avance para a ximnasia rítmica, froito do traballo e impulso de plataformas como "Valentes" e ximnastas como Rubén Orihuela, en loita pola igualdade de xénero no deporte.

O alcalde Sánchez Bugallo felicitou ao e ás integrantes do equipo campión, igual que fixeron a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; e os edís da oposición, José Antonio Constenla do
PP; Branca Novoneyra, de CA; e Goretti Sanmartín, do BNG. O rexedor interesouse por como compaxinaban os estudos co adestramento, e destacou a súa disciplina e a implicación do equipo a nivel competitivo.

Como indicou a súa adestradora, Wendy Rey, "está claro que a ximnasia rítmica xa non é só un deporte de nenas, o equipo cadete mixto do Club Viravolta obtivo a nota máis alta da súa categoría de toda Galicia no campionato cun 13.350".

"Son ximnastas que coñecen moi ben o sacrificio e o esforzo, organízanse moi ben para poder asisitir a todos os adestramentos e compaxinalo cos estudos do instituto. Sempre estiveron moi motivados mesmo cando as restricións impedían realizar o adestramento completo, alegrámonos moitísimo por eles téñeno máis que merecido!", engadiu Rey.

Agora preparan o campionato deste sábado 24 de abril que se celebrará no pavillón dos Remedios de Ourense, onde se xogarán a clasificación para a COPA NACIONAL BASE DE CONXUNTOS. A entidade participará tamén con dous equipos alevíns e un equipo infantil. O domingo 25 celebrarase o Campionato Galego Individual base e competirán as ximnastas xuvenís do club Alba Varela, Paula Fernández, Lucía Iglesias e Candela Cerneira.

Compartir: