PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os alumnos do taller "O mundo da cor" expoñen as súas obras nas galerías de Alfredo Brañas

19/03/2007 O taller de pintura "O mundo da cor", nacido da man de Sara Paz a través do Proxecto Equal Compostela Social, celebrará os seis primeiros meses de andadura cunha exposición dos traballos dos seus alumnos. A inauguración da mostra, ubicada nas galerías situadas na rúa Alfredo Brañas número 16, terá lugar o mércores, 21 de marzo, ás sete da tarde.

A exposición estará composta por 50 obras pictóricas realizadas polos 20 alumnos do taller "O mundo da cor", entre os que se atopa un grupo de socios da Asociación Española contra el Cáncer. Sara Paz imparte formación de debuxo, pintura, gravado e moldeado nun curso personalizado adaptado ás características e expectativas dos alumnos. Os seis primeiros meses trabállanse as técnicas de debuxo e pintura, para pasar a continuación ao gravado e rematar co moldeado ou escultura. Pódese obter máis informacion a través da páxina web www.omundodacor.com.

Equal Compostela Social é un proxecto experimental que ten como obxectivo a creación de novos proxectos empresariais na área de Compostela. O programa está dirixido a colectivos de difícil inserción laboral, como mulleres, mozos, inmigrantes, emigrantes retornados, desempregados de longa duración, etc. Inclúe formación teórica e titorías personalizadas de inserción. Dende que comezou a súa andadura, en novembro de 2005, creáronse 28 empresas, 20 delas en Santiago. 21 proxectos empresariais, o 75%, foron constituídos por mulleres.

Compartir: