XUVENTUDE

O Centro Xove incorpora un novo curso á actual oferta formativa sobre deseño gráfico e edición de fotos

21/04/2021 O Centro Xove da Almáciga acaba de abrir un novo curso en-liña, "Deseño gráfico e edición de fotos para principiantes" que se une aos de "Curiosidades guitarriles", e "Laboratorio coral 2: I can`t help falling in love" que se foron incorporando nas últimas semanas. A programación para este ano contempla 2.064 horas de formación, fronte ás 690 impartidas en 2020; ás 482 de 2019 ou as 496 horas programadas en 2018.

"Deseño gráfico e edición de fotos para principiantes" componse de tres leccións, que se irán subindo á plataforma mensualmente, desde abril a xuño. A actividade formativa ofrece un "media kit", un documento comercial que unha persoa, marca ou empresa utilizar para presentarse ante patrocinadores ou anunciantes; que o propio alumnado pode deseñar a través de programas de sofware gratuito.

Todo o sistema está baseado en clics, o que significa que as persoas usuarias poden crear o seu deseño, e darlle un toque de luz e cor as súas fotos. Para realizar este curso non é preciso formacióin previa nin coñecementos de deseño gráfico ou programación. Só hai que inscribirse, creando unha conta na web do Centro Xove; e dispor dun ordenador e conexión a internet para poder baixar os programas formativos.

A xaula de Sibila
Ademais, desde hoxe, está aberta a matrícula no novo espazo cultural que ofrece o Centro Xove, "A xaula de Sibilia". De carácter musical e enfocado á guitarra , nace como resposta ás peticións das persoas que están seguindo a formación impartida nos laboratorios de guitarra. Tratase dunha serie de vídeos titoriais cuxo contido consiste en temas precisos e específicos sobre preguntas e peticións dos e das usuarias da plataforma resolvendo dúbidas que poden xurdir do material audiovisual colgado na rede, ou ben indagando de forma máis precisa en asuntos relacionados cos contidos citados anteriormente. O carácter deste espacio queda totalmente aberto e iráse completando de contidos a medida que se reciban peticións por parte do alumando. .

Cursos
Todos os cursos ofertados a través do Centro Xove son gratuitos, duran sobre tres meses ampliables, e están dirixidos á mocidade de ata 30 anos. O número de prazas ofertadas depende do cupo de demanda de asistencia que teña o docente do respectivo curso. Non se establece un límite, pero si que se pecharían as solicitudes en canto o profesor cubra as horas de asistencia contratadas.

Outra característica do programa formativo é a súa accesibilidade, ao emitirse en liña a través da plataforma do Centro Xove, (https://www.centroxove.com/) a mesma na que se poden inscribir as persoas interesadas. Toda a xuventude inscrita en algunha das actividades formativas pode solicitar atención personalizada do docente. É dicir, é dixital, pero o equipo está ao outro lado, sustentando un proxecto didáctico solvente e transversal; que permíte aprender ao ritmo de cada persoa, dende a casa; en formato de vídeo, con materiais didácticos e coa posibilidade de reunión virtual co profesor.

Ademais, a plataforma é "mobile first", é dicir, pensada para móbiles. O obxectivo é que vaia mellorando e medrando, con opcións de webinars (aulas en directo), streaming, profesores colaboradores (que veñan a ofrecer formacións puntuais), etc.

Direcciones relacionadas



Compartir: