NOTA ACLARATORIA

Nota aclaratoria sobre o proceso selectivo de oposición libre de nove prazas de bombeiro-condutor

20/04/2021 Nota aclaratoria sobre o proceso selectivo de oposición libre de nove prazas de bombeiro-condutor correspondentes ás ofertas de emprego do Concello de Santiago dos anos 2018, 2019 e 2020

No Boletín Oficial do Estado núm. 271, do 13 de outubro de 2020, publicouse a Resolución do 24 de setembro de 2020 do Concello de Santiago de Compostela, referente á convocatoria para prover 9 prazas de bombeiro-condutor.

En data 24/03/2021 publicouse no BOP da Coruña a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, así como o nomeamento do tribunal cualificador, ademais do lugar, data e hora do primeiro exercicio. Posteriormente, en data 12 de abril de 2021 publicouse na páxina web do Concello a Resolución da concelleira de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local pola que se aproba a lista definitiva de persoas admitidas.

En relación coa celebración do primeiro exercicio (test de coñecementos) da convocatoria arriba sinalada, cuxos aspirantes estaban convocados para o día 19 de abril ás 13,00 horas na nave de eventos do recinto feiral de Amio, detectouse que a redacción das preguntas 34 á 51 deste exercicio conteñen erros tipográficos que impiden darlles validez. Cómpre destacar a axilidade do tribunal. Tan pronto se detectou o erro, a través das manifestacións das persoas aspirantes, e en aras á seguridade xurídica, levantouse acta e o Tribunal por unanimidade acordou:

1º) Deixar sen efecto este primeiro exercicio realizado o 19 de abril de 2021.

2º) Convocar aos aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio o 19 de abril de 2021 á repetición do mesmo.

3º) O Tribunal fixo público no día de hoxe (20 de abril) o anuncio polo que se anula o exercicio referido.

Segundo acta do tribunal no mesmo día 19 de abril:

"… recórdase a prohibición de calquera dispositivo dixital e dá comezo á proba cando son as 13,52 h., outorgando un prazo improrrogable de 80 minutos.
Infórmase aos opositores do tempo restante cando quedan 40 minutos e cando faltan 10 minutos para o remate da proba.
Os aspirantes que van rematando a proba van facendo entrega da folla de respostas e o sobre pechado. Cando son as 15.03 horas, remata o tempo e entregan a folla de respostas e o sobre pechado todos os aspirantes. Infórmase que no prazo máximo de 10 minutos exporase a folla coas respostas correctas na porta exterior do salón de actos.
Unha vez entregados os exames e alertados por un dos opositores, detéctase que na redacción das preguntas 34 ata 51 prodúcense erros tipográficos que non permiten darlles validez. O erro consiste en que conteñen un cambio de fonte da letra nas respostas que resultan ser correctas.
Tendo en conta o elevado número de preguntas invalidadas, en aras da seguridade xurídica, o tribunal acorda por unanimidade:
.- Deixar sen efecto este primeiro exercicio
.- Convocar aos aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio o 19 de abril de 2021 á repetición do mesmo.
Cando son as 15,30 horas dáse por rematada a sesión".

Á vista do acontecido, o Concello de Santiago de Compostela lamenta o ocorrido e pide disculpas a todas as persoas afectadas.

Dentro do máximo respecto á transparencia, obxectividade e perfección do proceso selectivo, comunicamos o seguinte:

- Desde a concellaría competente en materia de Persoal ditarase unha resolución reiniciando o proceso selectivo.

- No Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicarase a composición do novo tribunal, a data, lugar e hora de celebración do exercicio anulado.

- Serán convocados á celebración deste exercicio unicamente as persoas aspirantes que compareceron o día 19.

Compartir: