ALCALDÍA

O alcalde de Santiago aborda co novo rexedor de Ames os asuntos de interese para ambos municipios

20/04/2021 Xosé Sánchez Bugallo e Blas García mantiveron un encontro esta mañá no Pazo de Raxoi para abordar os asuntos que afectan á veciñanza de ambos municipios como a liña de transporte a Ortoño, os convenios relativos aos servizos de auga e saneamento ou o parque comarcal de bombeiros.

Ambos rexedores salientaron a cordialidade da xuntanza, "a primeira visita institucional aos concellos limítrofes" trala toma de posesión como alcalde de Blas García, "porque nos unen moitas situación, servizos e son moitos os veciños e veciñas de Ames que diariamente se desprazan a Santiago", afirmou.

No encontro abordouse a situación da liña de transporte a Ortoño. "Trasladeille a importancia que ten esa liña para nós e a necesidade de asinar un convenio coa Dirección Xeral de Mobilidade para que poida empezar a funcioar canto antes", indicou García. Pola súa banda, Sánchez Bugallo amosou a disposición do Concello de Santigo para "buscar unha solución a través do transporte metropolitano ou da prolongación da liña de Laraño, se a Xunta está de acordo". O obxectivo é que poida estar en funcionamento no vindeiro mes de maio.

Os servizo relativos a auga e sanemento tamén estiveron presentes na conversa. Ambos rexedores sinalaron a necesidade de asinar os pertinentes convenios "para adaptarnos ao novo escenario", como sinalou Sánchez Bugallo.

Parque de bombeiros
Sobre a situación do parque comercal de Bombeiros, tanto García como Sánchez Bugallo recalcaron a necesidade de dar un pulo ao asunto. "O que queremos é que se solucione o tema e que haxa un parque que dea servizo a toda a comarca", sinalou o alcalde de Ames, tamén deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias. "Hoxe quedamos de volver facer unha reunión coa Xunta e informar os concellos limítrofes" co obxectivo de que "neste mandato quede enfocado o tema. Ogallá tamén en funcionamento", abundou Blas García.

Compartir: