PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 1.500 persoas visitaron a exposición "Historia do Comercio en Compostela"

19/03/2007 Máis de 1.500 persoas visitaron dende o 8 de marzo a exposición "Historia do Comercio en Compostela", incluida nas actividades do programa de dinamización comercial "Marzo, mes do Comercio", organizado pola Concellaría de Promoción Económica e a Concellaría de Cultura. A media de asistencia diaria é de 50 persoas, excepto sábados e domingos, onde o número aumenta a 250. A mostra pódese ver ata o 9 de abril na Fundación Torrente Ballester.

"Historia do comercio en Compostela" está composta por imaxes, publicidade, obxectos relacionados coa actividade comercial e paneis explicativos. Todo isto complétase coa difusión dun vídeo e coa celebración de tertulias sobre a historia do comercio, como a que tivo lugar o pasado 13 de marzo. Nela participaron comerciantes e representantes das asociacións de comerciantes da cidade (Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro).

Na mostra colaboraron uns 40 estabelecementos, o Arquivo Histórico Universitario, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Caixa Galicia, a Cámara de Comercio de Santiago, a Real Sociedade Económica de Amigos del País, a Cociña Económica, o Círculo Mercantil e Industrial, a Unión de Artesanos, o Colexio La Inmaculada, e diversos coleccionistas particulares. A maioría dos obxectos expostos datan de finais do século XIX e principios do século XX.

Compartir: