ALCALDÍA

A Xunta de Goberno do luns 19 aprobará a proposta de distribución dos preto de 2,5 millóns de euros de remanente pendentes de asignar

16/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou na rolda de prensa deste venres que a proposta do goberno sobre o reparto dos 2.458.929,07 euros do remanente do ano pasado pendentes de asignar será aprobada na sesión ordinaria da Xunta de Goberno local do vindeiro luns, 19 de abril, co obxecto de que poida ser ditaminada pola Comisión de Facenda o xoves 22 e incluída na orde do día do pleno do día 29. Segundo sinalou o rexedor, se o pleno dá o visto bo á proposta, a convocatoria de axudas directas para os sectores máis afectados pola covid podería aprobarse o luns 3 de maio.

Os 2.458.929,07 euros do remante desglosaríase do seguinte xeito: 1.004.000 euros para comercio; outros tantos para hostalería; 300.000 euros para o financiamento dos bonos de compra; e 150.000 euros para actividades de promoción comercial. A estas cantidades habería que engadir o millón de euros de achega da Deputación (repartido a partes iguais entre o sector comercial e o hostaleiro); e as contías procedentes do remanente de 2019 (400.000 euros para o comercio, 243.105 para a hostalería; e 454.992 euros para o sector cultural). Ademais, o orzamento de 2021 completa algúns epígrafes ao sumar 150.000 para o bono parking, 50.000 para actividades de promoción e 150.000 euros de axudas para a cultura.

Máis de 5.200.000 euros para a primeira convocatoria do ano
Sumando todas as cantidades indicadas (achégase cadro resumo ao final da noticia), a primera convocatoria deste 2021 ascenderá a 5.207.026 euros, dos cales máis de 3.600.000 euros (3.651.105) se destinarán a axudas directas aos sectores comercial (1.904.000 euros), hostaleiro (1.747.105 euros) e cultural (604.992 euros). Segundo indicou o rexedor, as bases que rexerán a convocatoria destas axudas directas están xa preparadas e acordadas coas asociacións de comerciantes e de hostalería e "sairían inmediatamente despois" da aprobación da proposta polo pleno municipal. No caso do sector cultural, "a intención é que tamén saian inmediantamente", unha vez se pechen de forma definitiva co propio sector. O obxectivo "é que se aproben na Xunta de Goberno do 3 de maio".

Sánchez Bugallo quixo recalcar o "esforzo realmente enorme" que fai o Concello nesta convocatoria, "o 4% do orzamento municipal", engadiu, "que, en termos presupostarios, quintuplica a realizada pola Xunta". A esta primeira convocatoria engadirase unha segunda prevista para os meses de verán.

O resto do orzamento non destinado a axudas directas empregarase para o financiamento do bono parking (150.000 euros), do bono compra (600.000 euros) e de actividades de promoción comercial (200.000 euros). No que respecta ao primeiro concepto, o alcalde subliñou que "a previsión é que estea operativo dende maio e, en todo caso, na primeira semana de xuño, coincidindo coa celebración do Prima21". Precisamente á organización deste evento se destinará unha parte "importante" do consignado para actividades e promoción comercial, "entre 130 e 150.000 euros", precisou Sánchez Bugallo. En canto ao bono compra, "de acordo coas asociacións de comerciantes, estará en vigor do 1 de setembro ao 30 de novembro para que non coincida co da Xunta", destacou.

Licitación do concurso de limpeza viaria
Segundo refereriu o alcalde, a orde do día da Xunta de Goberno deste luns tamén incluirá o inicio do procedemento de licitación do contrato de limpeza viaria e recollida do lixo, "un dos máis demandados e esperados pola cidadanía", así como "o de maior importe, despois do da auga". Os datos concretos do prego serán explicados pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, en rolda de prensa.

Covid
Sobre a incidencia da covid na cidade, o rexedor lembrou que os datos son bos: "temos 55 casos activos e a incidencia acumulada non chega a 60 casos por 100.000 habitantes, significamente mellor que a media de Galicia e moito mellor que a de España, que está por riba dos 200". Porén, os datos tanto da comunidade como do conxunto do Estado "están medrando", o que significa, en verbas do rexedor, que "non pode haber rebaixa nas medidas de seguridade nin na prudencia".

Por este motivo volveu chamar de novo á responsabilidade, tras impoñerse onte na cidade 20 propostas de sanción por non empregar a máscara. "Creo que se batiu o récord", apuntou o rexedor, que tamén sinalou que non se detectou ningún incumprimento no que respecta ás medidas de obrigado cumprimento por parte dos bares e restaurantes, "un motivo de satisfacción", engadiu.

Documentos relacionados



Compartir: