ALCALDÍA

Xuntanza coa nova directora de Proxecto Home

15/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo hoxe un encontro coa nova directora de Proxecto Home, Ofelia Debén Rodríguez. No encontro tamén participou o presidente da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, Ramón Gómez Crespo.

A xuntanza serviu de presentación da nova directora e tamén de repaso dos asuntos nos que colaboran ambas entidades.

No pasado 2020, o Concello achegou 45.000 euros á Fundación para o desenvolvemento do programa específico deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas con adicción aos psicoestimulantes, fundamentalmente a cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou que poden recuperar estas redes sen demasiadas complicacións.

O obxectivo xeral é favorecer que as persoas usuarias adquiran unha motivación progresiva, que se inicia na abstinencia e se fortalece na adquisición dun estilo de vida saudable e satisfactorio que lle permita á persoa usuaria un equilibrio no seu mundo sen necesidade dun illamento temporal.

Compartir: