CIDADES PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio asinan con Fundación ONCE un programa de accesibilidade universal

14/04/2021 O presidente do Grupo e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, acorda co director xeral de Fundación ONCE, José Luís Martínez Donoso, un programa de accións para o fomento da Accesibilidade Universal.

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, asinou hoxe un convenio de colaboración co director xeral de Fundación ONCE, José Luís Martínez Donoso, para desenvolver un programa de accións para o fomento da Accesibilidade Universal. Segundo explicou o presidente do Grupo, "o noso obxectivo é promover iniciativas que favorezan a plena e efectiva inclusión e normalización social das persoas con discapacidade, así como o seu acceso ao desfrute pleno do patrimonio cultural que as 15 cidades atesouran como Patrimonio da Humanidade".

Pola súa banda, o director xeral de Fundación ONCE, José Luís Martínez Donoso, asegurou que "este convenio supón un avance na consecución dun dos nosos obxectivos como é o fomento da accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas en contornas, produtos e servizos para asegurar o acceso das persoas con discapacidade á cultura en igualdade de condicións tal e como recoñece a Convención de Dereitos de Nacións Unidas".

O presidente do Grupo subliñou que o convenio asinado hoxe, cunha vixencia de dous anos, dá continuidade ao que se asinou en 2017: "agora damos un paso máis cun programa de cooperación para a promoción da accesibilidade universal, incluídos os espazos virtuais, nos edificios, instalacións e servizos. Tamén supón un avance na sensibilización social e empresarial respecto das cuestións que afectan ás persoas con discapacidade. Ademais, imos establecer criterios de preferencia vinculados á contratación de persoas con discapacidade, accesibilidade universal en instalacións, produtos e servizos para concesión de axudas, subvencións ou calquera outro tipo de apoio derivados dos programas ou servizos do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade".

A Fundación ONCE, segundo explicou o seu director xeral, ofrecerá "asesoramento técnico ao Grupo en proxectos de accesibilidade universal, especialmente no ámbito patrimonial e turístico. Tamén se contempla realizar actividades de formación en materia de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas dirixidas a persoal do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade".

Afrontar o reto da dixitalización é outro dos obxectivos do convenio. Rodríguez Osuna explicou que "consideramos necesario aproveitar a innovación para fomentar e favorecer a inclusión social actuando en servizos, produtos, contornas, medios de transporte e mobilidade e aplicacións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), de maneira que as súas infraestruturas e servizos públicos e privados sexan utilizables por todas as persoas en igualdade de condicións, con maior eficiencia e interactividade".

José Luís Martínez Donoso, que estivo acompañado polo director de Accesibilidade e Innovación da Fundación Once, Jesús Hernández Galán, engadiu que "consideramos prioritarias todas as actuacións destinadas a promover o potencial das tecnoloxías da información e comunicación a favor das persoas con discapacidade. A Cuarta Revolución dixital, que actualmente estamos a vivir non debe de servir para agrandar a fenda dixital, senón como panca de cambio en favor da plena inclusión das persoas con discapacidade".

A firma do convenio celebrouse no Palacio do Verdugo de Ávila, cuxo alcalde, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, agradeceu que "este acordo se asine na nosa cidade, xa que Ávila é unha das cidades de España máis accesibles e estou convencido de que este compromiso vai permitir que o Grupo siga avanzando en accesibilidade e na prestación do mellor servizo ás persoas que visitan as nosas cidades".

Esta tarde arrincan as Xornadas sobre Turismo e Accesibilidade, baixo o título "Patrimonio da Humanidade, para toda a Humanidade". Organizadas pola Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, estas xornadas, que se celebran os días 14 e 15 de abril no Palacio de Superunda, coa colaboración do Concello de Ávila e o Ministerio de Cultura e Deporte e contan así mesmo coa participación da Secretaría de Estado de Turismo; do Concello de Madrid e Madrid Destino, o Museo Nacional Thyssen Bornemisza, Fundación ONCE, ILUNION e Pronisa Plena Inclusión.

"A información inclusiva como ferramenta turística integradora para a difusión do patrimonio" é un dos grandes retos que se van a abordar nestas Xornadas, que inaugura o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio ás 16.30 horas, xunto coa subdirectora xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte, Pilar Barrero, antes de dar paso ao relatorio marco inicial, de Jesús Hernández Galán, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE. O panel de boas prácticas en accesibilidade e información porá fin á primeira Xornada, que continúa mañá xoves 15 de abril cun taller práctico sobre lectura fácil aplicado ao turismo e á interpretación do patrimonio, outro sobre señalética accesible, ademais dun relatorio sobre boas prácticas de accesibilidade en novas tecnoloxías destinadas ao turismo.

O relatorio "un Museo a medida", do Thyssen Bornemisza e o exemplo de accesibilidade de Madrid Destino porán o broche de ouro ás Xornadas, que se desenvolven de forma presencial e en formato en liña e están dirixidas a técnicos de turismo das Cidades e a outras persoas interesadas das organizacións participantes.

Compartir: