AUDITORIO

Música clásica para nenos

19/03/2007 Os días 20 e 21 de marzo, ás 10:00 e 12:00 horas, o Auditorio de Galicia acolle novos concertos didácticos da Real Filharmonía, centrados nesta ocasión, nos músicos precoces. Así, a RFG interpretará pezas de Mozart, Britten e Holst. Estes concertos están concibidos como unha forma diferente de achegar a música clásica a todos os rapaces dos colexios da cidade.

A programación de concertos didácticos integra visitas guiadas e concertos para escolares e pon á súa disposición unidades didácticas para traballar na aula previamente. O concerto didáctico xira en torno aos nenos prodixio, xenios da música que compuxeron dende cativos. Neste senso, non podía faltar Mozart, pero os nenos tamén disfrutarán coas historias de Britten e Holst.

O programa inclúe a célebre "Serenata Nocturna" de Mozart, composta en 1776 para quinteto de corda. Aos catro anos, o pequeno Amadeus practicaba o clavicornio, e compoñía pequenas obras de considerable dificultade; aos seis anos, tocaba con destreza o clave e o violín. Podía ler música a primeira vista e tiña unha inesgotable capacidade para escribir música.

A "Simple Simphony", de Britten, tamén para corda, foi composta no 1934 e está baseada en oito temas que escribiu cando era neno. Por último, a "St. Paul Suite Op. 29" foi a primeira composición de Gustav Holst, escrita para a orquestra da súa escola.

Compartir: