XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba solicitar unha subvención de 45.000 euros para reforzar o CIM

09/04/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou solicitar unha subvención de 45.000 euros á Consellería de Emprego e Igualdade, ao abeiro da resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no DOG do pasado 12 de marzo, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Estes 45.000 euros vanse destinar ao programa de apoio ao CIM, o Centro de Información á Muller, concretamente a reforzar as liñas de asesoría xurídica, atención psicolóxica e o posto de axente de igualdade. 30.667 euros serían para o exercicio 2021 e 15.333 euros para o exercicio 2022.

Na reunión do executivo municipal tamén se deu conta da concesión, por parte do Consorcio da Cidade de Santiago, dunha subvención de 300.000 euros destinada a financiar o deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo nocturno "Fogos do Apóstolo 2021", a desenvolver os días 24 e 31 de xullo de 2021.

Documentos relacionados



Compartir: