ALCALDÍA

O alcalde reúnese con Salvador Domato, director do Arquivo Histórico Diocesano e párroco da Corticela

08/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a Salvador Domato, director do Arquivo Histórico Diocesano e párroco de Santa María a Antiga da Corticela. Segundo explicou o rexedor, no encontro "repasamos as obras desenvolvidas na capela e as novas actuacións necesarias para a recuperación dun espazo moi querido pola cidadanía de Compostela".

Salvador Domato Búa, natural de Caldas de Reis (Pontevedra), realizou estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario Maior de Santiago, licenciándose en Teoloxía en Roma en 1968. Un ano antes, nesa mesma cidade, fora ordenado sacerdote. Tamén conta cunha diplomatura en Arquivística, Biblioteconomía e Diplomática.

Entre as funcións que desempeñou destaca a secretaría xeral do Arcebispado de Santiago e do cardeal Antonio María Rouco, así como a delegación episcopal e a coordinación das tres últimas visitas papais a Compostela, dúas de Xoán Paulo II e a de Benedicto XVI.

Na actualidade, Salvador Domato é director do Arquivo Histórico Diocesano, que el mesmo creou en 1974; e párroco da Corticela, integrada no conxunto catedralicio, pero independente da Catedral de Santiago.

Compartir: