POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Os obradoiros escolares de Enreguéifate chegarán a máis de 600 alumnas e alumnos de oito centros escolares

30/03/2021 O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, presentou o certame de Enreguéifate e os obradoiros escolares, que chegarán a máis de 600 alumnos e alumnas de oito centros escolares de primaria e secundaria. Aos colexios e institutos acudirán, por parellas, Lupe Blanco, A Rabela e Josiño da Teixeira, que forman parte do movemento de renovación do xénero da regueifa.

Enreguéifate é unha iniciativa promovida polos concellos de Santiago, Pontevedra, Ames, Teo e Rianxo que acaba de ser premiada como mellor proxecto estabilizado, no "Concurso Mil primaveras", convocado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua; e que procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega.

O obxectivo destes obradoirosm segundo destacou Rubén Porl, "é a visiblización e fomento da nosa lingua. Tamén servirán para amosar a importancia da linguaxe non sexista e non homófoba e detectar o machismo nas coplas tradicionais; aparte de incentivar ao alumnado para que participe no certame Enreguéifate e dotalo de recursos para tal fin".

En total vanse impartir 23 obradoiros nos CEIPs Lamas de Abade, Colexio Vilas Alborada, Colexio Nosa Señora dos Remedios, Apóstolo Santiago, Mestre Rodríguez Xixirei, na Escola Semente, e nos institutos de Lamas de Abade e Sar. Están pensados para quinto e sexto de primaria; e primeiro, segundo e terceiro de ESO.

Os obradoiros, de 90 minutos de duración, vanse desennvoler en dúas clases de 45 minutos cada unha; ofrecendo ao alumando unha ocasión de coñecer polo miúdo as características desta forma de improvisación oral en verso; e a posibilidade de adquirir os coñecementos básicos para comezar a producir as súas creacións. Deseñados desde o proxecto irmán Regueifesta, buscan un modelo de práctica regueifeira cun peso importante da igualdade e o respecto por todas as persoas; á vez que se fornecen de ferramentas para activar a mocidade en prol da lingua.
Segundo explico o responsable de Políticas Lingüísticas, a metodoloxía de traballo vai partir dos coñecementos previos do alumnado para propiciar unha aprendizaxe significativa, que vincule a súa realidade cos contidos que se pretenden introducir. O diálogo entre as persoas que guían o obradoiro e as que participan nel é constante, e procúrase unha interacción continua e o emprego de técnicas de traballo en grupo e de colaboración mutua.

Esta actividade preséntase, engadiu, "deseñada desde o fomento da liberdade discursiva e o diálogo, e dánselle azos ao alumnado para que sexa quen de se expresar en público, creando unambiente de confianza e horizontalidade. Trabállase pois, partindo da autorregulación grupal, da motivación e do reforzo positivo; cunha técnica de rima, métrica, estrofa, melodía, campos semánticos e recursos léxicos. Tendo presentes valores como a igualdade de xénero, respecto pola diversidade, axuda mutua, etc.", sinalou Rubén Prol.

Certame Enreguéifate
Por otra banda, Enreguéifate acaba de abrir, onte, 29 de marzo, o prazo para participar na quinta edición do certame de regueifas en vídeo. Ata o 28 de maio está aberta a inscrición. Ás persoas que desexen participar poden facelo enviando un vídeo a través do formulario de inscrición que atoparán na web de Enreguéifate.

Establécense dúas categorías, unha xeral, para calquera persoas, e outras escolar, para o alumandos dos centros educativos galegos non universitarios. A lingua empregada debe ser o galego. A temática é libre, e en cada vídeo deben aparecer cando menos dúas persoas. A duración dos vídeos non pode sobrepasar os tres minutos.

Compartir: