ALCALDÍA

Máis de cincocentos santiagueses departen co alcalde na Casa de Vedra

19/03/2007 Seguindo coa súa visita institucional a Arxentina, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou o sábado 17 no programa de Radio del Pueblo "Un canto a Galicia", que se dirixe, en galego, a toda a colectividade emigrante, para conversar sobre a situación dos emigrantes neste país, así como do incremento da xente que chega doutros países a Santiago de Compostela. O alcalde falou das cousas que se están a facer na capital galega e dos instrumentos que a día de hoxe ten un emigrante compostelán para solicitar asesoramento ao Concello, facendo especial fincapé na oficina permanente que desde hai uns meses se puxo en funcionamento na Casa de Vedra, no barrio bonaerense de Caballito, e que serve de ponte nas relacións coa emigración.

A Casa de Vedra é a sociedade que puxeron en funcionamento os primeiros emigrantes da comarca de Santiago, que proviñan en gran parte do concello de Vedra, como lugar de encontro, promover a ensinanza e protexer aos socios con menos recursos. Chegou a contar cun xornal chamado "Unión de Teo y Vedra". Foi precisamente nesta Casa onde uns cincocentos cincuenta emigrantes santiagueses e descendentes destes puideron encontrarse e falar das súas lembranzas e necesidades co alcalde e coa concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, na noite do sábado.

Así mesmo, Bugallo aproveitou a súa estancia en Bos Aires para saudar aos integrantes do Consello da Galeguidade no Centro Galego, entidade que visita por terceira vez, e reunirse coa súa directiva. O Centro Galego de Bos Aires vén de cumprir cen anos, e que celebrará por todo o alto no mes de xuño. O alcalde sinalou que lle parece "un acto de xustiza axudar aos que tiveron que marchar de Galicia e queren volver", pero tamén aos emigrantes de segunda e terceira xeración que precisan viaxar a ela por motivos laborais ou simplemente a desexan coñecer a terra dos seus pais ou avós.

Na xornada do domingo 18, o alcalde compartiu un xantar no Centro Galego de Ciudad de Mar del Plata con máis de douscentos emigrantes galegos. Na mañá do luns 19, nesta mesma cidade, e tras unha audiencia co seu intendente, Daniel Katz, foi nomeado Visitante Ilustre polo concejo deliberante (corporación municipal). De seguido, Sánchez Bugallo viaxou a Avellaneda para encontrarse co intendente desta cidade, Baldomero Álvarez, e o Consejo Deliberante, que lle fixo entrega dunha medalla como agradecemento da súa visita súa visita.

A axenda para o martes 20 prevé unha visita á de Vicente López, onde tamén será declarado Visitante Ilustre. Xa pola tarde, o alcalde manterá un encontro con santiagueses na Casa de Corcubión.

Compartir: