DEPORTES

A V Gala do Deporte celebra os éxitos dos e das deportistas de Compostela

22/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu a V Gala do Deporte de Santiago "Premios Santiago Deporte 2020", celebrada no Auditorio de Galicia. Na mesma entregáronse 12 premios en distintas categorías co obxectivo pór en valor o deporte feito en Compostela.A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e os membros do comité avaliador tamén asistiron á gala, que se retransmitiu vía streaming a través da canle de YouTube do Concello para cumprir co aforo sinalado polas medidas anticovid vixentes.

No apartado de deportista feminina categoría base, a gañadora foi a atleta Ainoa Gontán Iglesias. O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, recaeu no ximnasta Ismael Navaza Eiras. En categoría absoluta, a mellor deportista feminina foi Estrella López Sheriff (yudoka), mentres que en categoría masculina alzouse co recoñecemento Roberto Vieiro Pérez (marcha atlética). En canto ao deporte adaptado, o xinete Jonathan Barral Otero acadou o recoñecemento do xurado como o deportista con máis méritos ao longo deste ano.

A entidade deportiva máis destacada desta edición foi a Sociedade Deportiva Compostela, mentres que a entidade educativa galardoada foi a USC. O recoñecemento ao patrocinio deportivo recaeu no grupo Jerubex Ibérica SL. Tamén se premiou ao ADB Fontiñas como promotores da mellor actividade ou acción social.

O galardón ao/á adestrador/a máis destacado/a recibiuno Antonio Barros Senín, do Ulla Oil Rosalía, e recoñeceuse o labor como árbitra de Iris Díaz Feijóo, colexiada na LIGA EBA.

O premio honorífico desta edición á traxectoria deportiva foi para o karateka Roberto Peñamaría Basanta. Finalmente, houbo dúas mencións especiais: ao Obradoiro CAB SAD, con motivo do seu 50 aniversario; e ao deporte de Santiago en xeral, como recoñecemento ao traballo e dedicación de todas as persoas que forman parte do deporte local neste ano excepcional provocado pola pandemia da COVID-19.

Comité avaliador
Para o outorgamento destes premios constituíuse un comité avaliador, presidido polo alcalde da cidade e integrado pola concelleira de Deportes; por un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal; un representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; un representante da Deputación de A Coruña; un da Universidade de Santiago de Compostela e un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.

Compartir: