TURISMO

Un paseo pola cidade permitirá atopar tesouros sonoros da música tradicional

18/03/2021 Turismo de Santiago colabora co evento "O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea" na organización dun Paseo Sonoro por diferentes puntos da cidade nos que atopar tesouros musicais, que se poderán escoitar do 24 de marzo ao 4 de abril.

Cada punto agocha un código QR para escanear e escoitar, cos auriculares do dispositivo móbil persoal, un anaco dunha peza de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional.

A actividade conta con 21 espazos seleccionados entres museos, comercios e locais hostaleiros. Os códigos atópanse nos escaparates e cristaleiras, polo que non é preciso depender dos horarios de apertura dos establecementos. O Paseo Sonoro, concebido tamén como unha ruta turística circular e diferente polo Casco Histórico, comeza na Oficina Central de Turismo de Santiago, e remata na Rúa Nova.

Este Paseo Sonoro, co que colabora Turismo de Santiago, enmárcanse no programa de "O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea", unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro galego e, ao tempo, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global.

Durante catro días, do 24 ao 27 de marzo, desenvolveranse en distintos puntos da cidade espectáculos ao vivo, encontros, unha charla, un obradoiro, unha escoita comentada, ademais do antedito Paseo Sonoro para realizar de xeito autónomo e gratuíto. Pola súa banda, as entradas para os concertos programados no Teatro Principal sairán á venda o día 22, en función dos aforos permitidos nese momento.

Trátase dun proxecto único que pon o foco no que fomos, o que somos e o que tendemos a ser como país musical. As xornadas están organizadas por Luneda Producións e apoiadas polo Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Acción Cultural e de Turismo de Santiago, así como pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: