ALCALDÍA

O Conselleiro Laboral de España en Arxentina recibe ao alcalde

17/03/2007 Na primeira xornada da súa visita institucional a Bos Aires, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, departiron co Conselleiro Laboral de España en Arxentina, o sevillano Rafael Herrera.

No encontro falaron da situación dos santiagueses que residen na Arxentina, que son máis de catrocentos, e que, xunto ao resto dos emigrantes españois, nos últimos anos melloraron substancialmente a súa situación económica grazas ao apoio do Goberno español. Herrera explicou que desde o 2004 aumentáronse nun 100% as pensións por unha vida máis digna, e tamén creceu o número de beneficiarios, que pasaron de 14.000 a 34.000, dos cales aproximadamente un 65% son galegos. Tamén explicou o funcionamento do novo Plan de Saúde, asinado polos gobernos dos dous países. Hoxe son 22.000 as persoas cubertas sanitariamente. Por outra banda, incrementáronse as axudas urxentes nun 100% nos últimos tres anos.

Herrera amosouse satisfeito da ampliación da sede da Consellaría Laboral, así como da posta en marcha na Arxentina de tres oficinas móbiles da Consellería Laboral, co fin de achegar a administración aos cidadans. Marcou tamén un fito a creación da Obra Social España, montada a petición de Galicia Saúde, e cuxa directiva está conformada por autoridades galegas, arxentinas e do colectivo emigrante; a primeira vez que un colectivo non español ten unha obra social cunha directiva onde non só figuran autoridades arxentinas.

Tras o encontro co Conselleiro Laboral, o alcalde e a concelleira desprazáronse á Escola Nacional de Náutica, onde foron homenaxeados coa entrega dunha medalla por parte do Tercio de Galegos, unha institución que se mantén desde hai 200 anos, cando un grupo de cadetes crearon un reximento de voluntarios para defender a capital bonaerense do ataque das tropas británicas. No acto, o alcalde fixo entrega dun agasallo institucional do Concello de Santiago e amosou á directiva do Tercio a súa gratitude pola recepción.

A continuación, a delegación compostelá foi ata o Centro Galego de Bos Aires, que vén de celebrar o seu centenario. O alcalde foi recibido pola directiva e algúns socios e fixo entrega dun gravado de Santiago.

Compartir: