ALCALDÍA

O Concello plantará unha árbore por cada foto compartida con #1foto1arbore para celebrar o Día Internacional dos Bosques

11/03/2021 O Concello de Santiago lanza a campaña "Cambia o mood: activa o modo bosque" para celebrar o Día Internacional dos Bosques o próximo 21 de marzo de 2021, unha data promovida polas Nacións Unidas. Esta campaña, que hoxe presentou o alcalde en rolda de prensa, acompañado do técnico de Emprego, Xavier Ferreiro, pretende difundir fundamentalmente entre a xuventude de Santiago de Compostela a relevancia dos bosques empregando as redes sociais e outras accións transmedia que buscan conectar os máis novos coa importancia dos bosques para xerar conciencia respecto ao seu papel fundamental para o benestar.

Os bosques cobren un terzo da superficie terrestre e son fundamentais para combater o cambio climático, contribúen significativamente ao beneficio das xeracións presentes e futuras. Exercen un papel fundamental na erradicación da pobreza e o logro de metas de desenvolvemento, incluídos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Cando bebemos un vaso de auga, escribimos nun caderno, tomamos medicamentos para a febre ou construímos unha casa, non sempre relacionamos estas accións cos bosques. Sen embargo, estes e moitos outros aspectos das nosas vidas están vinculados aos bosques. Ademais, os bosques albergan máis do 80% das especies animais e vexetais.

Santiago de Compostela atesoura un importante patrimonio vexetal desde o Monte Pedroso, pasando polo Monte do Gozo ata o Monte Viso. Espazos verdes abertos e pechados, parques, sendas e roteiros fan de Compostela un referente en canto á cantidade e calidade de zonas naturais, que suman máis de 5.000.000 metros cadrados dentro do municipio.

Salientou o alcalde que "tendo en conta soamente a superficie de titularidade municipal, chégase aos máis de 30 metros cadrados de espazos verdes por habitante, moi por riba das recomendacións da OMS que sitúa o mínimo ideal nuns 10-15 metros cadrados por habitante".

"Cambia o mood: activa o modo bosque"
Segundo explicou Xavier Ferreiro, o técnico municipal de emprego, a campaña está orientada a involucrar e concienciar os cidadáns máis novos da importancia de vivir nun entorno verde, respectando e coidando as especies autóctonas do mesmo xeito que elas coidan de nós.

Entre as accións eixo desta campaña, está o movemento en redes sociais #1foto1arbore que desde o seu lanzamento, hai so dous días, leva xa máis de 200 imaxes compartidas en instagram co hashtag da campaña. O spot da mesma pode visualizarse premendo aquí.

Por cada foto, o Concello de Santiago plantará unha árbore. A labor de plantación será realizada mediante o Obradoiro de Emprego Creas III, na especialidade de repoboación forestal. Plantaránse carballos e vidueiros na finca municipal da Remuíña e tamén no Monte Viso.

Como participar
Quen queira poñer unha semente e facer realidade a plantación de árbores autóctonas só ten que facer o seguinte:

1. Subir unha foto nas redes sociais nun entorno de natureza. Pode ser en Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Tamén serven as stories!
2. Utilizar o hashtag #1foto1arbore.
3. Etiquetar a @TalentiaSummit.

Ademais nos vindeiros días tamén se instalará un atractivo photocall de neón de 5 metros de ancho por 3 de alto, preto da Porta dos Leóns que da entrada ao paseo da Ferradura da Alameda. Será un espazo aberto á creatividade de todas e todos os que non queiran desaproveitar a oportunidade de facerse unha foto curiosa e diferente ao mesmo tempo que están plantando unha nova árbore.

Exposición polas árbores do Ensanche
As fotos compartidas co hashtag #1foto1arbore máis impactantes serán expostas polas principais rúas do ensanche da cidade, empregando como soporte as propias árbores urbanas, reivindicando así o seu papel fundamental.

Manifesto xuvenil
Dentro desta campaña dirixida fundamentalmente aos máis novos, os mozos e mozas de idade comprendida entre os 16 e 35 anos de Santiago son os protagonistas dun manifesto xuvenil onde fan súas as principais metas desta campaña polo Día internacional dos Bosques, este 21 de marzo de 2021:

- Promover o coñecemento e o respecto polos nosos bosques.
- Desenvolver un modelo produtivo sustentable.
- Rexenerar os nosos montes.
- Coidar o noso ecosistema.
- Recuperar os nosos bosques autóctonos fronte ao monocultivo de especies de crecemento rápido.
- Evitar o despoboamento rural e o abandono dos montes.
- Crear emprego sustentable.
- Ter unha boa calidade de vida.

Compartir: