TURISMO

Mérida acollerá a presentación da "Estratexia Turística post COVID" do Grupo de Cidades Patrimonio coa presenza da ministra Reyes Maroto

08/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe, na Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, da que forma parte Compostela. A reunión presidiuna o rexedor de Mérida. Antonio Rodríguez Osuna confirmou que a ministra de Turismo, Reyes Maroto, visitará a capital extremeña o vindeiro xoves 18 de marzo para presentar os resultados do Estudo de Estratexia post COVID nas Cidades Patrimonio da Humanidade. O obxectivo deste plan estratéxico, financiado pola Secretaría de Turismo, é a reactivación do turismo cultural e patrimonial nas 15 cidades do Grupo.

Segundo explicou Antonio Rodríguez Osuna, no encontro aprobouse a data definitiva da próxima Asemblea Xeral do Grupo, que se celebrará en Salamanca o sábado 27 de marzo. Tamén avanzou que se vai presentar o estudo da Estratexia Turística post COVID, elaborado polo GCPHE, en Mérida, o xoves 18 de Marzo, coa presenza de Reyes Maroto.

Reunida de forma telemática, a Comisión Executiva aprobou hoxe importantes acordos, como o orzamento para unha potente campaña de publicidade dirixida ao público nacional ou a licitación de novas películas promocionais. Trátase de convenios e proxectos importantes para o futuro do Grupo ao longo deste ano, tal e como destacou Rodríguez Osuna, entre os que destacan dous pregos que se van a licitar en breves días. Un deles é unha campaña de publicidade que está previsto que se lance en primavera, dirixida ao público nacional, co obectivo de que teña impacto antes de que os españois planifiquen as súas vacacións de verán.

Xosé Sánchez Bugallo forma parte da Comisión Executiva do GCPHE, xunto aos alcaldes de Eivissa; Rafael Ruiz; Salamanca, Carlos García Carbayo, e de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray.

Na reunión de hoxe tamén se aprobou o prego das novas películas promocionais do Grupo, que incluirá clips individuais para cada unha das 15 cidades, ademais dunha película conxunta que se presentará no mnes de maio en Madrid. Os diferentes filmes tamén terán versión en inglés, para a promoción internacional.

A Comisión Executiva abordou outros proxectos relevantes do Grupo, como impulsar a elaboración de plans de xestión de cada unha das 15 cidades patrimonio, o desenvolvemento dos novos planos de turismo que se distribuirán nas cidades este verán, e a organización da IV edición de "A Noite do Patrimonio", que se celebrará de forma simultánea nas 15 cidades, o sábado 18 de setembro.

Ademais, O Grupo vai impulsar en 2021 dous foros internacionais sobre cultura, turismo e patrimonio, que se van a celebrar en Alcalá de Henares e en Mérida. Son o "Foro Cidades Patrimonio, Cidades de Cultura Segura", que terá lugar no mes de maio e o cumio hispano luso de Cidades Patrimonio Mundial, previsto para outubro.

Asímismo, o Grupo está a desenvolver a terceira fase do estudo da sinaléctica Patrimonio Mundial e os técnicos de Patrimonio das 15 cidades vanse a reunir os días 7 e 8 de abril en Mérida para a súa conclusión, cunha proposta que servirá de punto de partida para que cada cidade poida licitar a nova sinalización, cunha imaxe similar, accesible e co logotipo da UNESCO en todos os soportes das 15 cidades.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Santiago de Compostela, Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: