CULTURA

"Un cuento de invierno", de Shakespeare, no Auditorio de Galicia

16/03/2007 O programa Teatro en Xira, organizado pola Concellaría de Cultura co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, ofrece o sábado 17 a obra de William Shakespeare "Un cuento de invierno". Os espectadores que queiran acudir á representación, que terá lugar no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas, poden retirar as entradas alí mesmo ata media hora antes do comezo da función, ou ben a través das oficinas de Caixa Galicia, a un prezo de 15 euros (7.50 para estudantes e xubilados).

A obra, revisada polos recoñecidos Sanchís Sinisterra e Magüi Mira, e dirixida por esta última, conta cun elenco de actores entre os que destacan o inglés Will Keen, un dos intérpretes máis prestixiosos do Reino Unido; Lucía Jiménez; Paco Alegre; Jordi Brunet; Balbino Lacosta ou Carolina Lapausa, entre outros.

"Un cuento de invierno" é unha das últimas obras escritas polo célebre escritor inglés William Shakespeare. Catalogada como comedia, conta con suficientes aspectos de drama e novela psicolóxica para que moitos autores a consideren a obra total do artista británico. Relata como o rei de Sicilia, Leontes, acusa e condena á súa muller embarazada, a raíña Hermiona, de adulterio co seu mellor amigo, Políxenes, rei de Bohemia. Os acontecementos precipítanse cara un desenlace fatal. Pero o destino deparará a todos os protagonistas xiros sorprendentes.

Magüi Mira, actriz e directora valenciana, destaca pola súa faceta á fronte de representacións teatrais. Na súa longa experiencia ten dirixido obras coma "Top Girls", "El Perro del Hortelano", "Morocco Bar", "Master Class", "El Censor" ou "La luna de lluvia".

O programa Teatro en Xira ofrecerá nos vindeiros meses a posibilidade de presenciar en directo outras dúas obras de recoñecido prestixio coma son "Auto", de Ernesto Caballero, e "Cyrano de Bergerac", de John Strasberg.

Compartir: