ALCALDÍA

O alcalde valora de xeito positivo o descenso de contaxios por COVID en Santiago e espera que a tendencia se manteña

22/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valora moi positivamente a evolución dos contaxios por COVID no concello, e espera que a tendencia descendente se manteña. O número de casos activos, segundo éxplicou o rexedor, é hoxe, de 195; e a incidencia acumulada a 14 días baixa ata os 157 casos. "Isto quere dicir", engadiu, "que desde o 27 de xaneiro, cando se acadou un maior número de contaxiados, a reducción é aproximadamente dun 75%".

Nestes momentos, sinalou, está á espera do que decida o Comité Clínico e da comparecencia do presidente da Xunta, sobre a unha e media da tarde, na que previsiblemente, anunciará novas medidas. Coa evolución dos datos, e coa tendencia á baixa, o alcalde entende que o "comité clínico proporá algún tipo de medidas de flexibilización prudentes para Santiago de Compostela, e para os concellos da contorna".

A pesares da evolución descendente da curva epidemiolóxica, Sánchez Bugallo apela á prudencia "porque costa moito baixar os datos e a experiencia demostra que poden empeorar a unha enorme rapidez. Polo tanto é moi importante que esta tendencia positiva se siga mantendo". Aínda así recorda que "queda moito camiño por percorrer" e a incidencia de 157 casos por cen mil habitantes a 14 días aínda está por enriba de Alemaña, con 75 casos, que "mantén o peche".

Aínda así o alcalde confía en que hoxe se levante o peche perimetral, "aló menos en relación aos municipios colindantes, ou con aqueles nos que a taxa de incidencia acumulada estea por debaixo dos 250 casos por cen mil habitante, o cal deixa en situación preocupante ao de Teo. Confío en que haxa un certo levantamento". Sánchez Bugallo subliña que "temos que valorar a enorme mellora, que coloca a Santiago por enriba da media de Galicia e mellor que a media española", pero "mantendo a prudencia e a responsabilidade".

A continuación, o alcalde reflexionou sobre a manifestación negacionista celebrada o pasado sábado en Santiago. Cre Sánchez Bugallo que "hai que respecta o dereito á liberdade de expresión de toda a cidadanía, sempre que non infrinxan a lei e non ocasionen danos a terceiras persoas. E isto, realmente non sucedeu o pasado sábado. Todos vimos fotos nas que aparecen persoas que non cumpren as obrigas legais en materia de colocación de máscaras e en materia de distancia de seguridade entre persoas". O alcalde espera "e así llo transmitín ao delegado do goberno", que é quen ten as competencias, que se adopten as medidas de sanción que correspondan, e polo que sei, así o van facer".

O rexedor engade que todos temos direito a manifestarnos, e "a expresar a nosa opinión, pero temos que facelo respectando a lei". A Sánchez Bugallo parécelle especialmente grave, "porque había menores nesa manifestación, e é unha enorme irresponsabilidade que eses menores puidesen estar nesas circunstancias".

Compartir: