ALCALDÍA

Suspéndese o mercado de Fontiñas de mañá sábado por mor da alerta por choiva e fortes ventos

19/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou hoxe un decreto polo que se suspende o mercado de Fontiñas, que estaba previsto celebrar mañá sábado, día 20 de febreiro, na rúa París. A decisión tómase, segundo explicou en rolda de prensa, ante a alerta da Xunta de Galicia de fortes choivas, de 80 litros por metro cadrado e ventos con refachos de 100 quilómetros hora.

O alcalde tamén anunciou que a nova convocatoria de axudas destinadas aos sectores máis afectados pola COVID 19 ascende, aproximadamente, a 2,5 millóns de euros: 900.000 destinados ao comercio, 700.000 á hostalería, 450.000 a empresas culturais, e 300.000 a bonos de consumo, aínda que esta última partida está "sen perfilar". Sánchez Bugallo sinalou que ten previsto volver reunirse coas asociacións de comerciantes o vindeiro martes, día 23 de febreiro, para presentarlle un borrador "de bases da nova convocatoria". "Imos intentar cumplir a súa petición de que sexan axudas directas", afirmou. "Espero", continuou, que nos fagan as contrapropostas que consideren oportunas", e que a partir de aí" vaiamos aprobando todo para a liquidación dos orzamentos de 2020".

Sánchez Bugallo recoñece que será necesario un pleno para aprobar que os 400.000 euro reservados a investimento de capital se poidan pasar a gasto corrente e destinar as citadas subvencións. Recordou que está previsto lanzar a terceira convocatoria de axudas na primeira quincena do mes de marzo "aínda que é preceptivo que antes de sacala estea aprobada a liquidación de orzamentos do ano 2020".

Para o alcalde de Santiago, a principal preocupación, neste momento, é a "saúde dos nosos veciños e veciñas"; e a segunda, "cunha magnitiude extraordinaria, a preocupación pola situación económica dos sectores máis afectados e coas persoas que se atopan nun maior nivel de fraxilidade social".

Neste sentido, Sánchez Bugallo amosou a súa "satisfacción pola evolución" da curva de contaxios da COVID, cunha incidencia acumulada que se situaba, onte, nos 233 casos por cen mil habitantes "e un número total de casos activos de 252, a terceira parte dos que tiñamos o pasado 27 de xaneiro". Todo isto indicou, "é o resultado dun esforzo e dun sacrificio enorme", xa que Santiago leva en peche perimetral desde o pasado 15 de decembro.

Aínda así, recoñece o alcalde, "é unha taxa de incidencia moi alta, pero non descontrolada (que é cando se coontabilizan máis de 250 casos por cen mil habitantes). A situación, engade, estase reconducindo "e estamos nun escenario mellor", pero cómpre seguir baixando a curva epidemiolóxica. "Á espera do que decida o Comité Clínico e a autoridade competente, que imaxino, será unha desescalada lenta pero significativa", o rexedor aconsella, "dar pasos seguros, e non dar pasos atrás". O próximo obxectivo, continúa, "é baixar dunha incidencia de 150" casos por cen mil habitantes. Se a evolución continúa como ata o de agora, calcula que dentro dunha semana se acadará esa cifra.

Fondos europeos
O alcalde tamén se referiu, na rolda de prensa dos venres, a reunión mantida esta mañá, vía telemática, con Manuel de la Rocha, director do departamento de asuntos económicos e G20 do Gabinete de Presidencia do Goberno. Lembrou que Santiago na primeira fase conseguiu "que tres proxectos" estiveran incluídos nos fondos de reconstrución: a EDAR, a nova estación de Alta Velocidade, e o Plan de Sostibilidade Turística.

Nesta segunda fase, da que aínda non saiu a convocatoria, explicou que "nos estamos concentrando en catro ámbitos: a mobilidade, o medio ambiente, a dixitalización e a rexeneración e rehabilitación do tecido urbano". Destaca Sánchez Bugallo que "equipos do concello están traballando desde hai semanas na preparación das propostas", para que, en canto saian as convocatorias, presentarse. Unhas propostas que cualificou como "moi sólidas", amosando o seu convencemento de que "unha parte destes proxectos obterán a financiación demandada".

A preguntas dos xornalistas, sinalou que se está traballando en catro proxectos de mobilidade, susceptibles de presentar ás axudas: un vinculado co reparto de mercadorías na cidade histórica; o outro sobre áreas de estacionamento fóra do casco urbano, outro relacionado co transporte á demanda para as zonas do rural, e o cuarto é a adquisición de autobuses eléctricos para a zona histórica.

A presentación destes proxectos ás convocatorias dos fondos europeos de reconstrución dependerá das características da convocatoria.

Orzamentos
Por outra banda, o alcalde anunciou que traballan "coa hipótese de facer un pleno extraordinario o 12 de marzo, ao que deberían ir os orzamentos e a modificación do PXOM". Aínda que aclara, "se vemos que hai acordos con algún grupo concreto que faciliten a súa aprobación", igual se poden levar despois a pleno. "Se non hai avances concretos, manteremos o calendario".

Compartir: